Os graos TIC da UVigo obteñen o selo internacional de calidade SIC

venres, 24 de maio do 2019 Redacción

As enxeñarías de Informática, Forestal e Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo veñen de acadar importantes recoñecementos á súa excelencia educativa e investigadora. Máis polo miúdo, foron obxecto de cadanseu selo internacional de calidade SIC, os certificados que outorga a Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación (ANECA) ás entidades que acreditan o cumprimento dos estándares europeos nos seus respectivos ámbitos da enxeñaría.
En concreto, recibiron a dita distinción o Grao en Enxeñaría Informática da Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense, o Grao en Enxeñaría Forestal da Escola de Enxeñaría Forestal do Campus de Pontevedra e o Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación do Campus de Vigo. Estas son as primeiras titulacións de grao en Enxeñaría Informática, Forestal e de Telecomunicación do Sistema Universitario de Galicia (SUG) en seren recoñecidas con esta distinción.
A entidade que xestiona e certifica en España este selo SIC é a ANECA, que está acreditada por European Accreditation of Engineering Programmes para estas tarefas. O programa SIC ofrece a posibilidade de obter un selo de recoñecido prestixio en varios ámbitos do coñecemento. Actualmente desenvólvese sobre todo nos ámbitos das titulacións de enxeñaría (selo EUR-ACE) e das de informática (selo EUR-INF).
As tres escolas subliñaron a importancia deste recoñecemento porque atende a “estándares de calidade, relevancia, transparencia, recoñecemento e mobilidade contemplados no Espazo Europeo de Educación Superior para as enxeñarías”, como destaca Íñigo Cuiñas, director da EE de Telecomunicación.
Entre outras cuestións, tivéronse en conta os resultados de aprendizaxe definidos no plan de estudos e se os egresados e egresadas do título acadan estes resultados establecidos pola axencia europea de calidade. Tamén se valorou o soporte institucional del título para o desenvolvemento do programa formativo.
A obtención do selo EUR-ACE para o Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación supón para a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación “un recoñecemento internacional para a forma na que facemos as cousas, e máis obténdoo sen prescricións xa no primeiro informe provisional”.
Pola súa banda, Juan Picos e Ángeles Cancela, director e subdirectora da EE Forestal, salientan que o certificado “non só distingue o centro, senón que distingue aos nosos egresados, calquera persoa que saia desta escola, faino cunha acreditación europea como enxeñeiro”.
Amais, Francisco Javier Rodríguez, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense, destaca a satisfacción do seu centro por acadar que “o noso Grao en Enxeñaría Informática sexa o primeiro de Galicia en obter este selo de calidade EURO-INF”.

PUBLICIDADE