Os gústames nas páxinas de Facebook pasan o relevo ao número de seareiros

xoves, 7 de xaneiro do 2021 Marcus Fernández

As páxinas de Facebook van experimentar un importante redeseño, buscando que a experiencia sexa máis sinxela e intuitiva, facilitando as interaccións cos seareiros, poñendo doado que os administradores de páxinas poidan alternar entre as mesmas e a súa conta persoal e incluso incorporando medidas para detectar spam e contas nas que se suplantan identidades.
Estes cambios poden parecer moi sutís para os usuarios, pero realmente agochan un cambio moi importante, longamente adiado, e moi necesario, xa que nos últimos anos perdera totalmente o sentido o contador de gústames dunha páxina, xa que era posible seguir ou non seguir unha páxina con independencia do uso do botón de gústame. Temos así que por fin o contador importante que amosarán as páxinas será o de seareiros, que representa realmente o número de usuarios que reciben actualizacións das páxinas, e non aos que algún día premeron nun botón e logo deixaron de seguir ese espazo de Facebook.
A renovación das páxinas de Facebook está xa en marcha, aplicándose estes cambios de xeito progresivo, e sendo só uns poucos dos que están previstos para os vindeiros meses.

PUBLICIDADE