Os hubs galegos Dihgigal e Datalife aspiran a ser recoñecidos pola Unión Europea

martes, 23 de febreiro do 2021 Redacción

A Axencia Galega de Innovación (GAIN) organizou este martes 23 de febreiro un webinario enmarcado na Semana Europea da Industria, no marco do cal mostráronse as destacábeis previsións dos Hubs de Innovación Dixital da nosa terra (dous arestora en activo). A sesión contou coa presenza do conselleiro de Economía Francisco Conde e da directora de GAIN, Patricia Argerey. Conde dixo que os hubs galegos son “instrumentos para apoiar a transformación do noso tecido empresarial, pensando fundamentalmente nas pequenas e medianas empresas”.
Na sesión tamén se fixo un repaso polas orixes e polos obxectivos de cada das iniciativas arestora en activo: Dihgigal, promovida polo Clúster de Empresas de Automoción de Galicia e que abrangue toda a cadea de valor da automoción, o naval, a alimentación, as TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), o téxtil, o sector da pedra, o forestal e a aeronáutica; e Datalife, impulsado por BIOGA, orientado ao uso da Intelixencia Artificial e o Big Data en pemes dos sectores primario, biotecnolóxico e da saúde.
Tal e como puxo de manifesto Conde, ambos proxectos aspiran a ser recoñecidos pola Unión Europea como Hubs de Innovación Dixital Europeos, nun proceso de selección que se abrirá de forma inminente.
O vicepresidente económico lembrou que nos dous últimos anos, estes Hubs estratéxicos para Galicia contaron co apoio técnico e financeiro da Xunta e que agora resulta “necesario abrir unha nova fase para impulsar o inicio das súas operacións cun novo convenio plurianual e o desenvolvemento de mecanismos que estimulen a realización de proxectos innovadores por parte das empresas”. Cara ao devandito, dixo, vai dirixido o programa Conecta Hubs, cuxa convocatoria abriuse a semana pasada cun orzamento de 6,8 millóns de euros para apoiar proxectos colaborativos de I+D+i nas áreas de especialización de ambos os dous hubs devanditos.

PUBLICIDADE