Os iPhone 14 e 14 Plus estrean cor amarela

martes, 7 de marzo do 2023 Marcus Fernández

Apple presentou hoxe un novo iPhone, pero non se trata dun dispositivo realmente novo, como podería ser a agardada renovación do iPhone SE, senón que estamos simplemente ante versións do iPhone 14 e iPhone 14 Plus en cor amarela, de xeito que estes smartphones pasan a estar dispoñible sen 6 cores distintas, en contraste coas 4 cores máis sobrias nas que están presentes os iPhone 14 Pro.
Os iPhone 14 e 14 Plus están dispoñibles por a partir de 1.009 e 1.159 euros respectivamente, e poden considerarse como as renovacións dun iPhone menos significativa da historia, xa que están equipados cun procesador A15 Bionic, ao igual que os iPhone 13 (aínda que pasando a equiparse cunha GPU con 5 núcleos en vez dos 4 núcleos que tiña o procesador anterior), e pese a non ter novidades importantes véndese a un prezo considerablemente superior ao iPhone 13 (que oficialmente custa 100 euros menos, pero que pode atoparse aínda máis barato a través de ofertas).
O iPhone 13 tamén estaba dispoñible en 6 cores distintas, de aí que podemos entender que esta actualización busca simplemente equiparar en oferta os últimos smartphones de Apple cos da súa anterior xeración, resultando bastante ridículo que unha nova cor supoña a publicación dunha nota de prensa por parte de Apple.

Os iPhone 14 e 14 Plus poden adquirirse en 6 cores distintas

PUBLICIDADE