Os iPhone ofrecerán a opción de non perder rendemento con baterías degradadas

xoves, 18 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

O director xeral de Apple, Tim Cook, ofreceu unha entrevista en exclusiva para ABC News na que deu conta de que a empresa de Cupertino investirá 350.000 millóns de dólares na economía estadounidense nos vindeiros 5 anos creando máis de 20.000 empregos, aproveitando a ocasión para falar da última polémica ao redor da compañía: a ralentización dos iPhone con baterías degradadas.
Cook asegura que dende Apple senten moito ter comunicado mal a medida que adoptaron para que os seus smartphones con baterías que perderan capacidade de xeito significativo, pois a súa intención en ningún momento foi facer que os móbiles tivesen un mal rendemento para animar aos usuarios a actualizar os seus terminais, senón que procuraban simplemente evitar reinicios inesperados e reducións drásticas da autonomía. A medida que tomaron para solucionar esta crise de reputación foi, inicialmente, reducir o prezo da substitución de baterías de 89 a 29 euros, pero engadiu que en poucas semanas unha actualización permitirá ao usuario elixir se quere manter o rendemento do seu iPhone ou prefire que se axuste automaticamente en función do estado da batería.

PUBLICIDADE