Os impulsores de CreaAppcuentos queren chegar ás 100.000 descargas ao longo de 2014

mércores, 29 de xaneiro do 2014 Fernando Sarasketa

Avelino Correa, creador da aplicación, fálanos dos seus obxectivos para 2014

CreaAppcuentos é unha aplicación galega de gran proxección (gañou recentemente o primeiro premio do concurso de startups vía web de Startup Pirates) e que consiste nun recurso para dispositivos con Android e iOS que permite a creación de contos ou historias dun xeito sinxelo e intuitivo. Pois ben, tanto polo dito recoñecemento como pola orixinalidade e a innovación postas en xogo, a iniciativa CreAppcuentos xerou estes días unha importante expectación na comunidade internauta (pais, nais, profesorado, nenas e nenos, etc). Co gallo disto, os responsables da ferramenta veñen de botar luz sobre as funcionalidades e o alcance da aplicación, que xa está no mercado e dispoñible para iOS. Segundo nos contan, a idea é acadar as 100.000 descargas e permitir que se lle poida tirar partido dende calquera parte do mundo.
En palabras de Avelino Correo, fundador de CreAppcuentos xunto con Maribel Martínez, a ferramenta ten o obxectivo firme de fomentar a imaxinación, a creatividade, a aprendizaxe e a interacción cos pais. Polo que respecta á resposta xerada polas nais e pais que xa tiveron ocasión de descargala, Correa apunta a que a aceptación está a ser moi boa. E engade: “Todas as valoracións son positivas e a xente que emprega a aplicación salienta a calidade das ilustracións e o baixo custo dos paquetes adicionais. Para nós foi unha boa noticia xa que significa que o estamos facendo ben e que os nenos poden desenvolver as súas habilidades usando nosa app”.
No que atinxe ao seguimento xerado, Correa apunta que “malia os poucos días que leva no mercado, a aplicación xa foi obxecto de centos de descargas e en breve chegará ás 1.000”. Para o equipo responsable deste desenvolvemento, o máis curioso deste punto é o lugar de orixe das peticións: Colombia, México, Brasil, USA, China, Tailandia, Turquía, Finlandia, etc. “Un dos nosos obxectivos”, explica Correa, “é que se descarguen en máis de 50 países, que se cren contos en múltiples idiomas e que gocen con eles na rede social”.
O desenvolvemento da ferramenta, explican, seguiu a metodoloxía do Lean Startup, unha forma de facer as cousas que lles permitiu “dunha maneira rápida” validar hipóteses e definir con precisión o produto despois de falar cos clientes. A fórmula empregada, polo tanto, foi a da aprendizaxe validada. Por certo que a idea colleu corpo na primeira edición do concurso Startup Pirates de Vigo, na que o proxecto galego acadou o primeiro premio para logo facerse co segundo premio no evento Lean Startup Machine en Madrid.
No que atinxe á pegada deixada xa no eido educativo, os responsables de CreAppcuentos foron quen de pechar varios acordos con centros de ensino para que poidan empregar a ferramenta. A idea, din, “é fomentar o maxín con historias incribles onde os nenos son os protagonistas; trátase en definitiva dunha ferramenta moi boa para fomentar as intelixencias múltiples dos nenos”. O equipo de CreAppcuentos mesmo chegou a recibir un comentario dunha educadora que está a utilizar a app con nenos con síndrome de Down “e a aplicación está a ter boa aceptación cos alumnos”.
No que se refire aos vindeiros pasos a dar, Avelino Correa cualifica o ano 2014 como un ano pleno de obxectivos. Entre eles, di, “buscamos acadar as 100.000 descargas, incorporar stickers animados e fondos en 3D aos contos e personaxes coñecidos de televisión e definir a rede social Cuentoteca na que os usuarios poderán subir contos e descargarllos doutros usuarios”. Segundo engade, esta comunidade será “un andel virtual con miles de contos que podamos ler con nosos peques e suporá ademais un aforro importante en diñeiro e en espazo”.
CreAppcuentos está a día de hoxe dispoñible na App Store de Apple. A mediados do mes de febreiro xa se poderá descargar para os dispositivos Android desde o Play Store. En ambos os casos, a ferramenta é de balde e inclúe un paquete completo para que se poidan crear contos.
A aplicación vén da man de Avelino Correa e Maribel Martínez (coa colaboración de ilustradores como Pepe Carreiro, Alberto García Ariza, Abraham Carreiro, Raquel López, Pirusca...).