Os ingresos totais de Vodafone España medraron un 1,9%

xoves, 3 de febreiro do 2022 S. P.

Vodafone España presentou esta semana as súas contas relativas ao terceiro trimestre do seu ano fiscal, do 1 de outubro ao 31 de decembro de 2021. Sen dúbida un dos datos máis destacados do novo balance da operadora é a constatación dun novo medre nos ingresos totais, que foi dun 1,9%, acadándose os 1.077 millóns de euros no terceiro trimestre.
Porén, no mesmo período, os ingresos por servizo descenderon un -1,6%, até os 940 millóns, o que veu dado, en palabras da empresa, “pola agresividade comercial das low cost e a elevada competencia no sector, así como polas promocións estacionais de volta ao cole”. Deste xeito, a base de clientes móbiles de contrato reduciuse en 53.000 liñas, até 11,4 millóns. Polo que respecta á base de clientes de banda larga diminuíu en 50.000, até 3,1 millóns, e os clientes de TV reducíronse en 44.000, até 1,5 millóns, como resultado “da alta intensidade competitiva durante o período”, sinala Vodafone. Pola súa banda, a filial Lowi proseguiu o seu espallamento sumando 83.000 clientes móbiles de contrato, até 1,4 millóns.
Fitos relevantes do terceiro trimestre
· A dispoñibilidade da rede 5G e os servizos de dixitalización avanzada foron “clave” para o afianzamento de Vodafone no sector de grandes empresas coa adxudicación de novos contratos como o das comunicacións principais da axencia EFE durante 3 anos por un valor agregado de 2,4 millóns de euros.
· Vodafone continúa acompañando ás empresas e administracións na dixitalización dos seus procesos e servizos. Nesta liña presentou Rede Infinity Lite, unha solución de comunicacións para empresas de entre 5 e 9 empregados que se adapta ás súas necesidades. Tamén asinou un acordo con CEPYME para impulsar a dixitalización entre os seus asociados.
· A operadora creou o Centro para a Saúde de Vodafone en colaboración con Deloitte para “acelerar a adopción de servizos sanitarios dixitais” e chegou a un acordo con Microsoft con vistas a apoiar ás pequenas e medianas empresas de Europa e ofrecer ferramentas innovadoras para o traballo híbrido.
· Posta en marcha do Vodafone 5G Lab, un novo espazo que permitirá a máis de 200 desenvolvedores e empresas de software utilizar a rede 5G de alta velocidade para desenvolver servizos e aplicacións sobre a base do novo estándar móbil e dar resposta aos retos que expón a sociedade en múltiples sectores.
· Vodafone 5G Reality foi o primeiro metaverso aberto desenvolvido en España que permitirá, en palabras da compañía, “gozar de experiencias completamente inmersivas, como asistir de maneira virtual a concertos cos nosos amigos, viaxar polo mundo e moito máis, todo de maneira virtual aproveitando os beneficios de latencia e velocidade da rede 5G”.
· A operadora levou a cabo un programa de compras sustentábeis durante Black Friday para reducir a súa pegada ambiental e abriu máis de 40 canles de Vodafone TV durante o período do Nadal.
· Vodafone renovou o acordo en exclusiva como único operador do mercado en España que integra a aplicación e os contidos de HBO Max na súa plataforma Vodafone TV. Igualmente, renovou o seu acordo con Filmin e tamén conta coa oferta de contidos de Disney+, NetFlix e Amazon Prime en Vodafone TV.

PUBLICIDADE