Os instagrammers do Camiño de Santiago acadaron máis de 13 millóns de impactos

venres, 23 de xullo do 2021 S. P.

Os participantes na experiencia acompañados do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo

A Xunta fixo balance do acadado a través da iniciativa Instagrammers no Camiño, que, como se indica no seu nome, vai dirixida a promover a cultura xacobea e as rutas que levan a Compostela nas redes sociais, coa axuda de catro referentes na plataforma Instagram: Gala González, Martiño Rivas, Xurxo Carreño e Cristina Cerqueiras. Segundo fixo saber Turismo de Galicia, a iniciativa colleitou máis de 13 millóns de impactos, cun millón de gústames en historias, vídeos e públicacións e máis de 800.000 reproducións dos audiovisuais que se foron subindo estes días ás redes.
Son algunhas das cifras que suma a iniciativa Instagrammers no Camiño, que tivo continuidade logo das camiñadas nas redes sociais, despois de que os catro influencers protagonistas remataran a súa experiencia xacobea, que os levou entre o 8 e o 11 de xullo polo Camiño Portugués ata Santiago de Compostela.
Segundo fai saber Turismo de Galicia, “todos os participantes mantivéronse moi activos sumando publicacións baixo o cancelo #GaliciaDestinoSeguro e #CamiñaAGalicia tanto durante o Camiño como despois, en que seguiron facendo publicacións de vídeos, imaxes e algúns deles fixeron directos cos seus seareiros, o que permitiu darlle continuidade a unha proposta que achegou o Camiño a públicos máis novos con pouco contacto ou coñecemento arredor da cultura xacobea e as peregrinaxes”.
A Xunta tamén salienta que “a meirande parte dos comentarios foron positivos e os integrantes da iniciativa compartiron cos seus seareiros a experiencia, comentaron aspectos como a preparación física, os imprescindíbeis do Camiño ou a escolla de lugares onde durmir”.

PUBLICIDADE