Os investigadores do CITIC Marcos Ortega e Jorge Novo, galardoados cun accésit no SIREV 2021

mércores, 21 de xullo do 2021 S. P.

Os investigadores do CITIC Marcos Ortega e Jorge Novo veñen de ser galardoados cun accésit no evento SIREV 2021 (VII International Congress of Research in Retina and Vision 2021). A orixe da distinción estivo na comunicación Early Changes in Choriocapillaris Flow Voids as an Efficacy Biomarker of Photodynamic Therapy in Central Serous Chorioretinopathy, da que dos dous ditos investigadores do Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña son autores. O evento celebrouse con formato virtual entre o 24 e o 26 de xuño de 2021.
O galardón obtido pertence á categoría de Premios Comunicacións Libres de Investigación Clínica á que se presentaron máis de 100 comunicacións, resultando premiadas unicamente 5 delas.
O traballo enmárcase nunha colaboración co servizo de oftalmoloxía do Hospital Clínico San Carlos para utilizar técnicas avanzadas de Intelixencia Artificial na obtención de biomarcadores que axuden ao diagnóstico temperán e seguimento personalizado de patoloxías oculares en pacientes. Neste caso, a tecnoloxía desenvolvida obtén de maneira automatizada un biomarcador novo (Flow Voids), recentemente establecido na literatura clínica máis prestixiosa, para avaliar cambios e realizar un seguimento preciso en pacientes sometidos a tratamento de terapia fotodinámica. Esta liña de traballo está coordinada por Marcos Ortega e atópase enmarcada na actividade investigadora desenvolvida no proxecto nacional Amadeus, do que Ortega é investigador principal, sobre desenvolvemento de tecnoloxías avanzadas para axuda ao diagnóstico de patoloxías oculares. Por parte do Hospital San Carlos está coordinado polos doutores José Ignacio Fernández-Vigo e Julián García Feijoó, este último ostenta o cargo de xefe do servizo de Oftalmoloxía do devandito hospital.

PUBLICIDADE