Os maiores da Estrada participarán en setembro nun obradoiro de capacitación dixital
xoves, 10 de agosto do 2023
Dende o 8 de agosto até o vindeiro 1 de setembro
(ambos días incluídos) estará aberto o prazo para que as persoas
do termo municipal de Estada interesadas en avanzar en coñecemento
tecnolóxico participen no Curso
de Capacitación Dixital que organiza o IES Plurilingüe Antón
Losada Diéguez en colaboración co Concello, que se vai
desenvolver ao longo do mes de setembro, precisamente. Será unha
actividade formativa de alfabetización tecnolóxica destinada a
veciñas e veciños maiores de 55 anos. O curso levarase a cabo no
dito centro educativo.
En total impartiranse 30 horas a través de
distintas sesións que terán lugar en horario de tarde e na que o
alumnado se repartirá en 4 grupos formados por 15 ou 16 persoas cada
un. As solicitudes deberán ser recollidas e presentadas unicamente
de xeito presencial no departamento de Servizos Sociais.