Os maiores da Pobra do Caramiñal crearán un repositorio audiovisual coa memoria do municipio
venres, 3 de outubro do 2025
As Concellerías de Servizos Sociais e Participación Veciñal da Pobra do Caramiñal sumarán esforzos para pór en marcha o proxecto cidadá de reivindicación histórica e dinamización tecnolóxica Memoria dos Lugares. Trátase dunha iniciativa que involucrará aos máis maiores e co que se buscará un dobre obxectivo: dunha banda, estimular o envellecemento activo facéndolle sentir a estas persoas que a súa sabedoría popular é parte do patrimonio inmaterial do municipio e, doutra, recoller esas testemuñas a través dos novos dispositivos para crear “un auténtico mapa da memoria da Pobra”.
A concelleira de Servizos Sociais, Amparo Cerecedo, o presidente da Asociación de Veciños Ribeiriña-Conchido, Samuel Domínguez, e a facilitadora do proxecto, Arantza Villar, presentaron na mañá deste venres 3 de outubro os detalles do programa.
Por medio da iniciativa recolleranse historias, costumes e lendas vinculadas co municipio cunha proba piloto na Ribeiriña (Postmarcos). “A experiencia”, explicaron, “suporá non só a transmisión da historia por parte dos maiores, senón que se dará un paso máis: os relatos serán rexistrados en formato vídeo promovendo deste xeito a alfabetización dixital dos veciños e veciñas de maior idade”.
Máis adiante, o Concello vencellará esas gravacións á localización exacta onde acontece cada historia.
A iniciativa arrincará a vindeira semana cunha primeira sesión piloto no local social da Ribeiriña. Esta levarase a cabo en colaboración coa Asociación de Veciños Ribeiriña-Conchido o venres, 10 de outubro (17.30 horas), no centro sociocultural. Este encontro servirá como primeira toma de contacto do programa e nel explicarase en que consiste o proxecto e fixaranse, ademais, como e cando serán as seguintes dinámicas grupais, que se dedicarán xa á recollida destes relatos.
