Os maiores de Lousame formáronse en uso de caixeiros e ciberseguridade

martes, 18 de xuño do 2024 S. P.

A Casa do Concello de Lousame acolleu este martes 18 pola mañá a sesión de formación Operativa de caixeiros e prevención da fraude e ciberseguridade, impartida por persoal de Abanca e enmarcada no seu Programa de Educación Financeira, que ten como obxectivo “mellorar a inclusión financeira da poboación que vive no rural”.
Foi unha actividade gratuíta na que participaron media ducia de maiores do municipio, acompañados pola concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, e polo concelleiro de Obras, Ramón Martínez.
A formación incluíu unha primeira parte teórica no salón de plenos municipal, durante a cal o técnico de Abanca informou aos presentes sobre como actuar para protexer os seus datos persoais para evitar fraudes e estafas, ademais de entregarlles material informativo sobre a cuestión.
Acto seguido, os maiores saíron á entrada da Casa Consistorial, onde está instalado o caixeiro automático da dita entidade financeira, e sobre o que aprenderon as múltiples xestións que se poden facer nel sen ter que desprazárense ata unha oficina e dunha forma totalmente segura.
A concelleira Silvia Agrafojo agradeceu a Abanca a realización desta actividade pois “serviu para ofrecer aos nosos maiores unha visión completa de como funciona o caixeiro, cales son as operacións máis habituais que se pode realizar nel e mostrarlles o sinxelo e seguro que resulta a través dunha demostración práctica no propio caixeiro”.

PUBLICIDADE