Os maiores de Muros poden capacitarse este mes de outubro no uso das novas ferramentas

mércores, 9 de outubro do 2024 S. P.

O Concello de Muros organiza un obradoiro para aprender a facer xestións e usar de forma correcta o teléfono móbil. A actividade encádrase en Expertclick, un programa de formación destinado a capacitar ás persoas maiores de 55 anos no uso das ferramentas necesarias que lles permitan aproveitar plenamente as vantaxes que brindan as novas tecnoloxías.
O prazo de inscrición remata o 18 de outubro e as sesións serán os días 24 e 24 de outubro, en Esteiro.
Para anotarse, cómpre chamar a Servizos Sociais (981 762 465). Segundo confirmou o Concello, o número de prazas máximo é de 15 persoas.
A un nivel máis concreto, o obxectivo da actividade é “aprender a navegar con seguridade e confianza por Internet, utilizar o teléfono móbil ou tableta para as comunicacións por vídeo-conferencia, facer xestións co banco, pedir unha cita médica ou comprar online, intentando aumentar a independencia e autonomía persoal das persoas maiores”.
Expertclick é un obradoiro organizado polo Concello de Muros e realizado a través da Fundación Cibervoluntarios e a Fundación AEB da Asociación Española de Banca (AEB), co apoio do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030.