Os maiores de Taragoña (Rianxo) participaron nun obradoiro sobre usos e vantaxes dos móbiles

martes, 21 de maio do 2024 S. P.

A semana pasada, os días 15 e 16 de maio, celebrouse a terceira sesión dos obradoiros de uso de aplicacións móbiles para persoas maiores de 55 anos organizados polo Concello de Rianxo, ao abeiro do seu convenio recente coa Asociación Cibervoluntarios. A sesión desenvolveuse no CCD de Taragoña.
Nestes obradoiros, gratuítos para a veciñanza, as persoas asistentes aprenden a navegar con seguridade e confianza por Internet e a empregar o seu teléfono móbil ou tableta para comunicarse por vídeo-conferencia, facer xestións co seu banco, pedir unha cita médica, mercar online ou aproveitar o seu tempo de ocio na Rede.
Estas actividades formativas impartiranse esta tempada en todas as parroquias do concello de Rianxo da man de Asociación Cibervoluntarios e do Concello. O primeiro obradoiro celebrouse os días 24 e 25 de abril, na parroquia de Isorna. A seguinte quenda foi en Leiro, os días 2 e 3 de maio, e a terceira no CCD de Taragoña, os días 15 e o 16 de maio, en horario de tarde; o 29 e o 30 de maio en Araño; o 12 e o 13 de xuño en Asados; e o 26 e o 27 de xuño en Rianxo.
Quen estea interesado/a en participar nalgún obradoiro pode chamar ao 664 185 489.