Os maiores do Porriño mergúllanse nas posibilidades das novas ferramentas
mércores, 3 de setembro do 2025
Concertar cita co seu médico de cabeceira, consultar a predición meteorolóxica, reservar para visitar a praia das Catedrais e mesmo crear os seus propios perfís nas redes sociais son algunhas das accións que aprenderon un grupo de persoas maiores de 65 anos participantes nun obradoiro dixital que se celebrou no Centro Sociocomunitario do Porriño.
O alcalde Alejandro Lorenzo e a concelleira de Política Social, Teresa Veloso, coincidiron co propio alumnado en que foi “unha experiencia enriquecedora e moi produtiva para o día a día deste sector da poboación”, que naceu fóra da era dixital e que no Porriño supón case unha quinta parte do padrón, ao seren 4.002 as persoas maiores de 65 anos.
O obradoiro, organizado por Cruz Vermella en colaboración co Concello do Porriño, desenvolveuse en sesións semanais durante os meses de xullo e agosto, e dado “a boa acollida e a demanda do propio alumnado de continuar aprendendo nesta materia, xa valoran próximas edicións pero centradas, desta vez, no manexo dun ordenador”, informaron fontes do Concello.
Desta volta, traballaron co teléfono móbil, adquirindo unha formación básica do seu manexo para navegar en Internet, xestión de aplicacións, redes sociais e compras seguras.
A concelleira Teresa Veloso sinalou que “os resultados foron moi positivos, o que demostra que iniciativas como estas son necesarias para que ninguén quede atrás nun mundo cada vez máis tecnolóxico. Superar o medo ás novas aplicacións e poder realizar diversas xestións desde o teléfono móbil de cadaquén debe ser algo accesible para toda a poboación, loitando contra o idadismo”.
