Os mapas de Google integrarán o seu tradutor para axudarnos nas viaxes

mércores, 13 de novembro do 2019 Marcus Fernández

Durante as viaxes Google Maps é un servizo que cada vez resulta de maior utilidade, xa que, aparte dos mapas para orientarnos e obter indicacións nos desprazamentos, tamén permite descubrir os mellores restaurantes no contorno e incluso facer reservas de hotel e, para continuar a engadir funcionalidades prácticas están a integrar agora Google Translate.
A incorporación do tradutor a Google Maps permite que o teléfono pronuncie o nome e o enderezo que desexemos no idioma do lugar (facilitando así que nos deamos a entender cando non sabemos o idioma do país que visitemos) e incluso facilitará un atallo para acceder a Google Translate, para axudar así a manter unha conversa (lembremos que o tradutor de Google permite realizar traducións consecutivas entre dúas linguas).
A tecnoloxía de texto a voz detecta automaticamente o idioma do teléfono para determinar os lugares nos que pode ser necesaria a axuda para traducir, ou sexa, que se temos o teléfono en español e buscamos lugares de interese no Xapón veremos a nova icona do altofalante xunto ao nome e enderezo dos lugares. Esta nova funcionalidade chegará a Android e iOS este mesmo mes.

PUBLICIDADE