Os marcos dixitais soben ao carro da tinta electrónica a cor

martes, 21 de outubro do 2025 Marcus Fernández

Aura súmase á tendencia de coller a remuda dos marcos dixitais conectados a corrente utilizando tecnoloxía de tinta electrónica a cor con Ink, dispositivo que combina o deseño elegante dun marco de parede tradicional cun funcionamento dixital autónomo, grazas a unha batería recargable que ofrece ata tres meses de uso cunha soa carga e a ausencia total de cables.
Con só 1,5 centímetros de grosor e unha pantalla de 13,3 polgadas, o Aura Ink aposta por un acabado discreto e refinado, pensado para integrarse en calquera espazo doméstico. A súa iluminación frontal, oito veces máis suave ca a dun panel LCD, adáptase automaticamente ás condicións de luz ambiental mediante sensores de movemento e luminosidade, reducindo o consumo enerxético e mellorando a visualización das imaxes.
A tecnoloxía utilizada é a E Ink Spectra 6, que emprega seis tintas (branco, negro, vermello, amarelo, verde e azul) combinadas a través dun algoritmo propio de difusión de erro para reproducir fotografías con aparencia de impresión real. Deste xeito conséguese unhas cores moito máis vivas que, por exemplo, na pantalla dun lector da liña Kindle Colorsoft, pero cunha definición reducida, polo que as imaxes non se verían correctamente en proximidade.
A transición entre fotografías leva uns 30 segundos (de aí que esta tecnoloxía non se empregue en lectores de libros electrónicos) e o marco poder actualizar a imaxe cada noite de forma automática ou permitir que o usuario a modifique a través dunha aplicación móbil ou premendo nun botón do dispositivo.
Polo momento o produto só está dispoñible na tenda estadounidense da marca a un prezo de 499 dólares, pero en breve debería de contar con distribución europea.
No mercado existen outros marcos semellantes, como os da marca Reflection Frame, que teñen un prezo que parte dos 321,95 euros, e pretenden chegar ao mercado en decembro tras triunfar en Kickstarter, demostrando que existe interese nesta tecnoloxía, pese a que no seu estado actual aínda está lonxe de conseguir un resultado convincente para a meirande parte de consumidores.

De preto a tecnoloxía empregada dista dunha calidade fotográfica