Os mellores robots dos nosos estudantes medirán forzas na UVigo o 4 de maio
xoves, 25 de xaneiro do 2018
O bo destes tempos é que os robots, o seu deseño
e construción, deixaron de estar ao alcance duns poucos. Agora, non
hai dúbida, existen tecnoloxías, comunidades e movementos
sociotecnolóxicos (por exemplo o movemento Maker) que nos
permiten botar abaixo as barreiras que nos separan do que, en tempos,
era pouco máis que ciencia ficción. Por se isto fose pouco, tamén
hai certames onde o futuro faise presente e aléntase abertamente á
creatividade tecnolóxica. Por exemplo a Competición
de Robots da Escola de Enxeñería Industrial (UVigo) que se
celebra o 4 de maio, convocando a estudantes de ensino secundario e
superior da nosa terra. No
certame, que vai pola súa cuarta edición, convidarase aos
participantes a dar forma aos seus propios robots. O 4 de maio,
os seus enxeños veranse as “caras”.
Segundo fai saber Juan Pardo, director da Escola
de Enxeñería Industrial, un dos obxectivos da cita é “achegar á
Universidade aos futuros e futuras estudantes”, amais de “fomentar
o interese do alumnado polas disciplinas STEAM (Science,
Technology, Engineering, Art and Mathematics)” e potenciar o
traballo por proxecto e a autoaprendizaxe no deseño, construción e
programación dos robots autónomos.
A competición realizarase por equipos, que
deberán deseñar, construír e poñer en funcionamento cadanseu
robot a partir dun kit básico que lles entregará a organización. O
4 de maio será o día no que os equipos porán a proba os seus
robots, que deberá superar unha serie de probas de destreza. Os
alumnos e alumnas de ensino secundario que desexen vivir esta
experiencia e desenvolver as súas capacidades tecnolóxicas deberán
facelo na categoría Wall-E, mentres que os estudantes de
titulacións superiores pode inscribirse na modalidade R2D2. A
data límite para formalizar a matrícula é o vindeiro luns 29 de
xaneiro.
Como dixemos, neste 2018 a competición acada xa a
súa cuarta edición, consolidándose, en palabras dos organizadores,
“como unha cita de referencia que cada ano reúne centos de
estudantes de toda Galicia”. Segundo indican, facendo balance de
edicións previas, en 2017 superáronse os 800 inscritos e as
expectativas desta nova convocatoria pasan por manter o mesmo grao de
participación.
Respecto das categorías, a modalidade Wall-e
está concibida para estudantes de ESO e Bacharelato, sendo o seu
obxectivo que as e os participantes se familiaricen co mundo da
robótica, participando na montaxe e programación dun robot móbil
partindo do kit mBot Robot Educativo (2.4G), programábel de xeito
doado con Scratch e compatíbel coa plataforma aberta Arduino. A
competición realizarase en equipos de entre tres e seis estudantes e
un profesor titor que deberán someter o seu autómata a dúas
probas: completar no menor tempo posíbel un circuíto con obstáculos
e unha especie de combate ente droides que deben sacar do campo de
xogo aos seus opoñentes.
Polo que atinxe á outra categoría, o alumnado de
Formación Profesional e de titulacións universitarias competirá en
grupos de menos de seis persoas ou ben de maneira individual na
modalidade R2D2, que comprende catro probas, tres individuais
e unha colectiva. Neste caso cada equipo debe crear un robot cun
tamaño máximo de 20 cm de lado e un peso máximo 1.500 gramos. Na
proba de rastrexo os robots deben completar unha volta completa de
non máis de catro metros, pero si con cambios bruscos de dirección,
nun máximo de 60 segundos. Nun tempo inferior a un minuto, os robots
deberán superar o seguinte exame de clasificación, un labirinto
rectangular de 2x2 metros. Na terceira proba deberán retirar seis
latas dun recinto de aproximadamente 1 metro de diámetro, e o
derradeiro test será tamén un combate entre droides, como na
modalidade Walll-e.