Os micrófonos RØDE Wireless GO II estrean compatibilidade con RØDE Connect

venres, 15 de outubro do 2021 Marcus Fernández

Nos últimos meses RØDE causou furor ao presentar a aplicación RØDE Connect, que converte o ordenador persoal nunha mesa de mestura para micrófonos NT-USB Mini, facilitando así a realización de podcasts e retransmisións en directo dun xeito moi práctico. Un pouco antes tamén presentou os micrófonos sen fíos RØDE Wireless GO II, que nesta nova versión permitía usar 2 micrófofonos cun único receptor que incluso pode conectarse a dispositivos móbiles.
A novidade agora é que están a mellorar este último produto por partida dobre: facilitando a configuración dos RØDE Wireless GO II dende iOS e Android coa aplicación RØDE Central Mobile e tamén fai compatible esta solución sen fíos con RØDE Connect, facendo moi doada a realización de entrevistas que poidan gravarse para un podcast ou retransmitirse en directo a través da Rede.
Dende RØDE aseguran que estamos ante a primeira solución de microfonía sen fíos integrada totalmente con software de streaming. O bo de combinar os micrófonos RØDE Wireless GO II coa aplicación RØDE Connect é que dende o ordenador é posible regular o seu nivel de volume por separado, o que permite un fluxo de traballo máis cómodo e profesional.
Estamos ante melloras que grazas ao software incrementan considerablemente o valor dun produto sen afectar ao seu prezo, polo que hoxe os micrófonos RØDE Wireless GO II son mellores que onte, e poden converterse nunha solución máis atractiva que outros produtos que, aínda que poden ser máis económicos, carecen das vantaxes que achegan as aplicacións para PC e móbil de RØDE.

JPEG - 119.7 KB
A aplicación RØDE Central facilita a configuración dos micrófonos RØDE Wireless GO II dende móbiles con iOS e Android

Vídeo de presentación das novidades para os micrófonos RØDE Wireless GO II

PUBLICIDADE