Os móbiles Google Pixel encaran unha crise de reputación
venres, 16 de agosto do 2024
Os novos móbiles de Google, que chegarán ás tendas en setembro, están a provocar certo rebumbio na Rede por mor do xeito no que están a promocionarse a través de influentes, pois vén de filtrarse unha das condicións do programa coñecido como Team Pixel, na que detallan aos integrantes que reciben un smartphone da familia Pixel 9 de xeito anticipado que se comparan un dos novos teléfonos cos doutras marcas teñen que deixar sempre en bo lugar ao Google Pixel se non queren despedirse de colaboracións con Google, dando a impresión de que estamos ante unha ameaza.
Esta filtración está a facer moito dano á imaxe de Google, principalmente porque deuse a entender que se fala de unidades cedidas para a análise por parte de medios e creadores de contido, cando realmente estamos a falar dun programa de patrocinios, ou sexa, que Google está a pór condicións a unha contratación de publicidade.
De feito, o malestar creado levou a que Google mudase a linguaxe empregada ao comunicar as condicións do programa Team Pixel, para eliminar o ton ameazante, o que non impediu que algúns influentes decidisen abandonar o programa por consideralo abusivo (por limitar as súas liberdades).