Os móbiles Xiaomi 14T chegan presumindo de cámaras e IA

venres, 27 de setembro do 2024 Marcus Fernández

O Xiaomi MIX Flip chegou finalmente ao mercado español a un prezo de 1.299,99 euros con 12 GB de RAM e 512 GB de almacenamento, o que pode sorprender bastante xa que actualmente o seu competidor máis directo, o Samsung Galaxy Z Flip6, está á venda na páxina web da compañía a 1.209 euros coa mesma configuración de memoria, dando a impresión de que Xiaomi só quere introducir os seus novos móbiles encartables no mercado internacional, deixando a competencia con outros fabricantes para modelos futuros.
Pero o móbil encartable de Xiaomi non chega só, e agora temos novos Xiaomi 14T e 14T Pro, móbiles que buscan atraer aos usuarios coas súas cámaras desenvolvidas en colaboración con Leica e unha decidida aposta pola intelixencia artificial, xa que integran Google Gemini, a función Circle to Search de Google e tamén o asistente de tradución en tempo real AI Interpreter (que funciona cara a cara e en chamadas telefónicas). Tamén integran funcións de IA na edición fotográfica e de vídeo.
O Xiaomi 14T chega cun procesador MediaTek Dimensity 8300-Ultra con fabricación de 4 nanómetros prometendo un grande rendemento da 5G, 12GB de memoria RAM LPDDR5X, 256/512 GB de almacenamento UFS 4.0, pantalla AMOLED ultra plana de 6,67 polgadas con resolución 1,5K, un refresco de 144 Hz e un brillo máximo de 4.000 nits, cámara traseira tripla cun sensor principal Sony IMX906 de 50 Mpíxeles e estabilización óptica, un ultra grande angular de 12 Mpíxeles e un teleobxectivo de 50 Mpíxeles, cámara frontal de 32 Mpíxeles, Wi-Fi 6E, NFC, Bluetooth 5.4, emisor de infravermellos, batería de 5.000 mAh con carga rápida de 67 watts (capaz de cargar o móbil completamente en só 45 minutos) e resistencia IP68.
O prezo do Xiaomi 14T é de 649,99 euros para o modelo con 256 GB de almacenamento, mentres que a versión con 512 GB de capacidade véndese a 699,99 euros. En ambos casos, e como oferta de lanzamento, Xiaomi está a ofrecer sen custo adicional un adaptador de corrente de 67 watts (valorado en 39,99 euros) e un televisor Xiaomi TV A 50 2025 de 50 polgadas (valorado en 349 euros).
Para usuarios máis esixentes temos o Xiaomi 14T Pro, que mellor o modelo anterior incorporando un procesador MediaTek Dimensity 9300+, máis opcións de capacidade (a maiores pode adquirirse con 1 TB de almacenamento), a súa cámara traseira incorpora lentes Leica, apostando por un sensor principal Light Fusion 900 de 50 Mpíxeles con estabilización óptica, a batería incrementa a velocidade de carga rápida (coa carga de 120 watts pode cargar completamente en 19 minutos) e inclúe tamén carga sen fíos de 50 watts, e incluso incorpora Wi-Fi 7, melloras que xustifican o incremento de prezo con respecto ao modelo ordinario. O Xiaomi 14T Pro véndese por 799,99 euros con 256 GB de capacidade, por 899,99 euros con 512 GB de almacenamento e por 999,99 euros con 1 TB de capacidade. Estes móbiles tamén inclúen como oferta de lanzamento un adaptador de corrente de 120 watts (valorado en 59,99 euros) e un televisor Xiaomi TV A 55 2025 de 55 polgadas (valorado en 399 euros).