Os móbiles económicos de Samsung poderán contar con cámara con modo retrato

mércores, 11 de outubro do 2017 Marcus Fernández

No último ano vimos como moitos smartphones integraron 2 cámaras na súa parte traseira para poder gozar de distintas prestacións, entre as que destacaba nalgúns casos a posibilidade de empregar o modo retrato que combinaba a información de ambos obxectivos para simular o desenfoque selectivo propio das cámaras réflex (mantendo o primeiro plano enfocado mentres o fondo sae borroso), pero este efecto nos móbiles pouco ten que ver o efecto óptico natural, xa que estamos ante un procesamento da imaxe mediante software, de aí que o procesamento das imaxes estea a pesar cada vez máis ante a dificultade de introducir grandes melloras nos sensores e nas ópticas (que polo formato dos smartphones teñen unhas dimensións moi reducidas, o que é unha limitación moi importante).
Pero que o enfoque selectivo sexa propio de smartphones de alta gama con dobre cámara vai pasar a historia, e Samsung anuncia novos sensores de imaxe ISOCELL, como o Fast 2L9 con tecnoloxía Dual Pixel, 12 Mpíxeles e un tamaño do píxel de 1,28 micrómetros. A tecnoloxía Dual Pixel é a que facilita un enfoque automático ultra-rápido e tamén é a que facilita a posibilidade de realizar enfoque selectivo con cámaras cun único obxectivo, de xeito que nos vindeiros meses poderemos ver móbiles con célebre modo retrato en teléfonos de gama media de Samsung.
O outro sensor ISOCELL presentado é o Slim 2X7 con tecnoloxía Tetracell, cun tamaño de píxel de só 0,9 micrómetros, o que permítelle chegar aos 24 Mpíxeles nun tamaño moi compacto, o que permitirá que certos móbiles de alta gama poidan ofrecer cámaras de moita resolución sen ter que incrementar o seu grosor. A tecnoloxía Tetracell, pola súa banda, facilita o disparo de instantáneas con pouca luz.

PUBLICIDADE