Os monólogos R regresan a Vigo con Carlos Blanco

xoves, 29 de maio do 2025 Redacción

O auditorio Mar de Vigo será o escenario no que Carlos Blanco estree A penúltima, o seu novo espectáculo enmarcado na nova edición dos monólogos R, unha proposta que leva xa 17 anos enchendo teatros e espallando humor por toda Galicia. A cita na cidade olívica será o sábado 31 de maio ás 20:30, con acceso limitado a través de convites de R ou mediante concursos nas redes sociais.
Porque o tempo pasa e non estamos para perdelo, Carlos Blanco volve cun espectáculo cheo de novas historias e vellas lembranzas, imaxes do seu infinito imaxinario e o seu característico humor intelixente, sempre vencellado á realidade galega. Nesta ocasión, non haberá kiwis nin dobraxes estrañas de películas, senón novas viaxes polo absurdo, o popular e o inesquecible. Setenta minutos que prometen diversión, reflexión e risas terapéuticas, como xa é marca da casa.
Os monólogos R, que levan dende 2008 promovendo o talento galego en forma de espectáculos unipersoais, celebran así unha nova edición cun dos actores máis recoñecidos das artes escénicas do país. Dende a súa creación, preto de 51.100 persoas asistiron a estas funcións, desenvolvidas en trinta localidades das catro provincias, incluídas as sete grandes cidades e vilas como Melide, Verín, Ribadeo ou Porriño.
Pola iniciativa pasaron figuras como David Amor, Lucía Veiga, Xosé A. Touriñán ou Pepo Suevos, entre outros, todos cunha clara aposta polo humor «do país», comprometido coa lingua e coa identidade galega. Agora é a quenda de Carlos Blanco, que volve aos escenarios cun título que deixa a porta aberta a máis: A penúltima... que nunca se sabe cal será a última.