Os nenos ingresados no hospital de Vigo poderán seguir as clases por Internet

xoves, 15 de marzo do 2007 Raquel Noya

A educación daqueles nenos que, por problemas de saúde, vense na obriga de manterse afastados das súas escolas, podería deixar de ser un atranco grazas ó proxecto Vigo dixital, unha alternativa educativa baseada na creación dun espazo virtual de interacción entre os nenos doentes e os seus mestres, encamiñada a ofrecerlles unha maior atención pedagóxica mentres fiquen no hospital. Os cativos, mediante unha tableta gráfica para PC, poderán facer as tarefas encomendadas polos seus profesores habituais sen ter que moverse do centro sanitario, así como comunicarse a través dun chat, seguir as clases por videoconferencia ou acceder ás anotacións dos mestres dispoñibles nun encerado virtual.
Na actualidade, o software do proxecto está en fase de elaboración, e en abril levarase a cabo a primeira experiencia piloto, aínda que non comezará a súa andaina até o vindeiro curso académico.
Este proxecto, levado a cabo pola Concellería de Participación Cidadá en colaboración coa Xunta de Galicia, Ministerio de Industria e a UE a través dos fondos FEDER (e que conta cun orzamento de preto de 700.000 euros), ten como principal obxectivo facer posible que os cativos de entre 6 e 16 anos ingresados no Hospital Xeral-Cíes de Vigo poidan recibir a mesma formación cós seus compañeiros que se atopan nas aulas e non achen atrancos para continuar normalmente os seus estudos unha vez recuperados.

PUBLICIDADE