Os nosos centros educativos xa se poden adherir ao programa Digicraft de Vodafone

mércores, 10 de xullo do 2019 Redacción

Este xoves 11 de xullo abre o prazo que os centros educativos se sumen ao programa autonómico de fortalecemento das competencias dixitais, o programa Digicraft no teu cole. A iniciativa, cuxos detalles foron publicados hoxe no DOG, vén da man da Fundación Vodafone e conta co apoio da Consellería de Educación e AMTEGA. Os centros interesados poden realizar a súa solicitude até o vindeiro 30 de setembro.
Un total de 50 centros escolares poderán beneficiarse desta iniciativa dirixida a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos. Segundo lembran as entidades impulsoras, Galicia é a primeira Comunidade na que a Fundación Vodafone pon en marcha Digicraft no teu cole, que terá unha duración de dous anos e que permitirá aos centros finalmente adheridos acceder a formación para que os profesores poidan impartir o programa nas aulas, así como aos materiais en descarga para o desenvolvemento das actividades e dotación de tabletas e kits tecnolóxicos.
O programa artéllase ao redor da metodoloxía DigiCraft, un sistema de aprendizaxe específico baseado no xogo e a experimentación, deseñada pola Universidade de Salamanca para a Fundación Vodafone España para axudar aos nenos e nenas a adaptarse a unha sociedade dixital en rápida evolución e para mostrarlles as posibilidades que o mundo dixital ofrece.

PUBLICIDADE