Os nosos futuros talentos informáticos xuntáronse en Ourense

venres, 21 de febreiro do 2020 Redacción

JPEG - 143 KB
As e os participantes na Hash Code Ourense 2020

Ourense foi este xoves 20 de febreiro un fervedoiro de traballo informático. Por unha banda, deu acubillo á nova edición da Hash Code Ourense 2020, edición local da competición mundial Hash Code, na que programadoras e programadores de todo mundo tenta resolver un desafío de desenvolvemento informático lanzado por Google. A edición ourensá contou coa participación de preto de medio cento de estudantes. Por outra banda, celebrouse a final galega de Global Management Challenge de simulación empresarial, quedando un equipo do Campus de Vigo no sexto posto.
Hash Code 2020
Desde 2015, Google convoca anualmente o concurso de programación Hash Code, no que convida a resolver en pequenos equipos, de estudantes e/ou profesionais, un desafío de enxeñaría que se celebra no mundo de xeito simultáneo. Nesta edición, a Escola Superior de Enxeñaría Informática foi, por segundo ano consecutivo, un dos Hash Code Hubs habilitados en Galicia polo que as persoas inscritas podían acudir de balde ás súas instalacións para participar desde alí no certame. Durante as catro horas de actividade, as e os 42 participantes que se achegaron ao campus, na gran maioría alumnado do centro, traballaron nas súas propostas ante o reto lanzado.
O reto estivo centrado en Google Books, no sistema que ten Google de escaneo de libros, propondo solucións baseadas en algoritmos de teoría de colas de programación e ordenación para a optimización dos tempos e dos procesos que van desde o envío do libro desde a biblioteca ata o seu escaneo final.
O equipo que mellor puntuación acadou na Escola Superior de Enxeñaría Informática quedou de número 192 en España, un posto que o director do centro destaca positivamente lembrando como “participaron arredor de 10.000 equipos a nivel mundial”.
Global Management Challenge Galicia
Tamén este xoves pola tarde celebrouse no Centro Cultural Marcos Valcárcel en Ourense a final da primeira edición de Global Management Challenge Galicia. Catro equipos da Universidade de Vigo e un total de 14 estudantes dos graos de Administración e Dirección de Empresas (ADE) dos Campus de Ourense e Vigo participaron nesta iniciativa de simulación empresarial por ordenador que ten como obxectivo principal contribuír á formación en tarefas directivas das e dos participantes. Tras meses de competición, da Universidade de Vigo chegou á final o equipo formado por Alejandro Viéitez e Pablo Casas, de terceiro curso do Grao de Administración e Dirección de Empresas da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do Campus de Vigo. O equipo gañador da final foi Alcasa, composto por Carolina Teijeiro e Alejandro Fernández, estudantes da Universidade da Coruña. A edición galega de GMC tivo o apoio da Deputación Ourense e enmárcase na fase nacional desta iniciativa, desenvolvida pola Cámara de Comercio de España e que contou na súa 40 edición coa participación de máis de 2500 universitarios e universitarias. Na cita galega competiron 28 equipos das tres universidades galegas.

PUBLICIDADE