Os nosos investigadores en tecnoloxía LiDAR compartiron achados

mércores, 3 de febreiro do 2016 Redacción

A tecnoloxía LiDAR (sistemas para obter información
- nubes de puntos- do terreo dende o ar e botando man de escáners láser) foi a columna vertebral dunha reunión de traballo desenvolvida a tres bandas este 2 de febreiro: fisicamente dende a sala de xuntas da Escola Politécnica Superior de Lugo e en directo vía streaming no salón de actos do CiTIUS da Universidade de Santiago e máis no salón de graos da Facultade de Informática da Coruña. A sesión veu da man do Laboratorio do Territorio (LaboraTE) da USC. Segundo informa a Universidade, fixo posíbel que os centros da Rede de Tecnoloxía LiDAR e Información Xeoespacial expuxeran os resultados obtidos nas súas respectivas áreas de traballo, ademais de abordar as diversas aplicacións prácticas destes sensores remotos na xestión territorial.
No workshop participaron como relatores integrantes dos distintos grupos de investigación das universidades da Coruña (UDC) e de Santiago (USC), que presentaron os avances obtidos e as aplicacións prácticas destes sensores. A xornada de traballo rematou cun relatorio a cargo do doutor en Xeografía Juan Suárez, quen arestora desenvolve a súa carreira profesional en Edimburgo, e que falou das prestacións e das posibilidades que ofrece a unión de sensores Lidar, térmicos e hiperpestrais.
O encontro, de entrada libre, consistiu nunha sesión aberta á participación de estudantes, así como a docentes e a técnicos de administracións públicas ou empresas privadas, vinculados coa captura e procesado de datos procedentes de sensores remotos e coa xeración de cartografía. O director do LaboraTE da USC, o profesor David Miranda, explicou neste senso que “as prestacións que ofrecen este tipo de sensores na ordenación territorial e na súa xestión son múltiples, dado que aforran custes e tempo, ademais de permitir estudos a demanda”.

PUBLICIDADE