Os nosos produtos de agricultura ecolóxica lanzan campaña dixital: Somos semente

xoves, 17 de outubro do 2019 Fernando Sarasketa

O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica (CRAEGA) vén de pór en marcha a iniciativa de visualización e promoción dixital Somos semente, a súa primeira campaña de publicidade online, en termos máis concretos un relato audiovisual de tres capítulos cuxo primeira peza publicouse en Internet este luns 14, acompañándose agora (hoxe) co segundo. A finalidade do CRAEGA é facer marca no mundo, comezando, como é lóxico, por Galicia. Esta é razón de que o consello, por vez primeira na súa andaina (que se iniciou en 1997), apostase por unha nova feitura innovadora na súa promoción, con difusión “exclusiva nas redes sociais”.
Segundo fai saber a entidade, o gran desafío segue a ser o mercado galego, onde hai estudos que demostran que o selo aínda non se coñece, e que isto cómpre emendalo con campañas de promoción que falen a mesma linguaxe que as novas xeracións e que, en definitiva, unha cantidade importante da poboación galega. “Apostamos por unha fórmula revolucionaria para crear un movemento arredor da agricultura ecolóxica que perdure no tempo”, explica Francisco López Valladares, presidente do Consello, engadindo que a campaña ten un forte compoñente emocional para afondar nos valores do CRAEGA (respecto polo medio, benestar animal, desenvolvemento rural, etc) e nas vantaxes que ten tanto para a saúde como para o tecido económico consumir alimentos certificados.
Somos semente arranca en outubro co lanzamento dos tres vídeos nos perfís dixitais corporativos (Facebook, Twitter, Instagram e Youtube) e coa apertura do enderezo www.somossemente.com. Os contidos audiovisuais levarán en paralelo publicidade online que ten como cometido visualizar nas redes a marca CRAEGA e os seus valores.
Ademais de explicar que é o selo e que significa a certificación, a campaña quere espertar a conciencia do consumidor galego e lograr que se comprometa co sector.
Todas estas actividades difundiranse progresivamente na web www.craega.es, os perfís de Facebook, Twitter, Instagram e Youtube, o grupo de WhatsApp e tamén na revista corporativa do Consello.

PUBLICIDADE