Os novos Honor 20 chegan con boas cámaras a prezos asumibles

martes, 21 de maio do 2019 Marcus Fernández

Hai un par de meses chegaron ao mercado os smartphones Huawei P30 e P30 Pro, colocándose unha vez máis nunha posición líder no que a cámaras traseiras de teléfonos se refire, pero con prezos bastante elevados, de aí que moitos estivesen a agardar a que a segunda marca de Huawei, Honor, lanzase as súas versións económicas, o que aconteceu hoxe, probablemente no peor momento posible, xa que Huawei está nun momento moi completo e, aparte de estar a estudar a súa reacción ante o bloqueo comercial imposto polos EE.UU., tamén cancelou os seus esforzos en mercadotecnia ante a dificultade de transmitir confianza nun contorno tan incerto.
Os móbiles presentados hoxe serían a nova serie 20 de Honor, que chegaría en tres modelos para adaptarse a distintos petos, partindo dun modesto Honor 20 Lite, que ten un prezo de lanzamento de 299 euros, o que non lle impide estar equipado con 4 GB de RAM, 128 GB de almacenamento e cámara traseira tripla (con sensores de 24, 8 e 2 Mpíxeles). Este móbil conta tamén cunha cámara frontal de 32 Mpíxeles aloxada nunha pequena pestana superiro central na súa pantalla Full HD+ de 6,21 polgadas. Conta con lector de pegadas dixitais traseiro, NFC e súa batería é de 3.400 mAh, configurando un dispositivo que podería conseguir moi boas vendas se non fose pola sombra da desconfianza que se proxecta sobre el.
O Honor 20 subiría o seu prezo até os 499 euros, o que permítenlle equiparse con 6 GB de RAM e unha pantalla infinita de 6,26 polgadas cun orificio na esquina superior esquerda para a cámara frontal. Sitúa o seu lector de pegadas dixital nun lateral, a súa batería de 3.750 mAh ten carga de 22,5 watts (que permite chegar ao 50% da carga en 30 minutos) e na súa cámara traseira equipo 4 sensores: un sensor principal de 48 Mpíxeles, un grande angular de 16 Mpíxeles, un zoom de 2 Mpíxeles e un sensor TOF. Temos así un móbil cunha cámara capaz de tomar grandes fotografías normais, retratos de grande calidade, luminosas fotografías nocturnas cun modo de disparo específico e gravar vídeo a super cámara lenta (960 fotogramas por segundo a 720p).
O produto maior da familia é o Honor 20 Pro, que sube o prezo até os 599 euros, e que conta xa con 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento, o que xa xustificaría o seu incremento de prezo, aínda que a súa cámara traseira tamén atrévese a unha configuración diferente: sensor principal de 48 Mpíxeles, grande angular de 16 Mpíxeles, zoom de 8 Mpíxeles e macro de 2 Mpíxeles. O Super Zoom promete chegar até os 30 aumentos, aínda que se nos cinguimos á capacidade óptica do mesmo falariamos de 3 aumentos.
Se temos en conta que un Huawei P30 Pro con 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento custa actualmente 1.049 euros, o feito de que o Honor 20 Pro custe preto da metade semella un grande prezo, pero haberá que ver a situación na que se atopa este terminal por terse presentado despois da orde executiva dos EE.UU. que impediría que tivese unha licenza válida do Android de Google.

JPEG - 58.8 KB
O Honor 20 Pro conta cunha cámara traseira cuádrupla

Vídeo promocional dos novos Honor 20 e 20 Pro

PUBLICIDADE