Os novos MacBook Air conseguen unha autonomía de ata 12 horas

luns, 10 de xuño do 2013 Marcus Fernández

Hoxe botou a andar a WWDC, evento que Apple aproveito para renovar un dos seus ordenadores estrela, o MacBook Air, que pese a manter a súa aparencia externa e boa parte das súas prestacións, experimentou unha mellora substancial que permítelle manter o seu posto de referencia na gama de portátiles delgados e lixeiros: a autonomía do modelo de 11 polgadas medra de 5 a 9 horas e no modelo de 13 polgadas pásase de 7 a 12 horas de autonomía.
Durante a presentación do equipo Phil Schiller chegou a dicir que co novo MacBook Air é posible ver a triloxía do Señor dos Aneis enteira sen ter que cargar o portátil, aínda que a mellora non está só na capacidade da súa batería, senón tamén na actualización do seus procesadores, que agora contan cos novos procesadores Intel Haswell, cunhas gráficas un 40% máis rápidas e tamén unha mellora na súa conexión Wi-Fi (que agora adopta o estándar IEEE 802.11ac) e na velocidade das súas unidades SSD.
Estes novos equipos parten dun prezo de 1.029 euros para o modelo de 11 polgadas con 128 Gb de SSD e de 1.129 euros para o modelo de 13 polgadas con 128 Gb de SSD.

Os novos MacBook Air melloran a súa autonomía de xeito importante

PUBLICIDADE