Os novos OnePlus Nord axitan a gama media

martes, 8 de xullo do 2025 Marcus Fernández

O mercado de móbiles de gama media está a pórse interesante coa chegada de novos terminais da liña Nord de OnePlus. Por bandeira temos o novo OnePlus Nord 5, un atractivo que sae hoxe á venda por 459 euros con 8 GB de RAM LPDDR5X e 256 GB de almacenamento UFS 3.1, mentres que por 509 euros temos a versión con 12 GB de RAM e 512 GB de almacenamento, incluíndo como agasallos un cargador de 80 watts e uns auriculares sen fíos OnePlus Nord Buds 3 Pro, valorados conxuntamente en 118,99 euros.
Estamos ante un smartphone cun procesador Qualcomm Snapdragon 8s Gen 3, pantalla AMOLED de 6,83 polgadas cunha resolución de 2.800 x 1.272 píxeles e unha velocidade de refresco de entre 60 e 144 Hz, cámara traseira dupla cun sensor principal Sony IMX906 de 50 Mpíxeles e un sensor ultra grande angular de 8 Mpíxeles, cámara frontal de 50 Mpíxeles, Bluetooth 5.4, NFC, lector de impresións dixitais baixo a pantalla, altofalantes estéreo, resistencia IP65, batería de 5.200 mAh con carga rápida de ata 80 watts e actualizacións de sistema operativo durante 4 versións e 6 anos de seguridade. Tamén é salientable que ten un grosor de só 8,1 milímetros, unha tecla personalizable e dobre integración de intelixencia artificial (Gemini e OnePlus AI).
Para usuarios menos esixentes chega o OnePlus Nord CE5, que se conforma cun procesador MediaTek Dimensity 8350, a súa pantalla queda en 6,77 polgadas cunha resolución de 2.392 x 1.080 píxeles e unha velocidade de refresco de 120 Hz e a cámara frontal queda nunha modesta Sony IMX480 de 16 Mpíxeles, concesións coas que conseguen que o modelo con 8 GB de RAM e 128 GB de almacenamento estea á venda por 309 euros, mentres que por 349 euros pode adquirirse con 256 GB de capacidade. Este móbil tamén inclúe como promoción de lanzamento un cargador de 80 watts e uns auriculares sen fíos OnePlus Nord Buds 3 Pro.