Os novos Oppo Find X9 chegan con grandes baterías e magníficas cámaras

martes, 28 de outubro do 2025 Redacción

Oppo presentou os novos smartphones Find X9 e Find X9 Pro, que representan «un novo estándar mundial de excelencia en smartphones», ao combinar un sistema fotográfico desenvolvido xunto a Hasselblad, un rendemento superior e o novo sistema operativo ColorOS 16.
O Oppo Find X9 Pro incorpora un teleobxectivo Hasselblad de 200 megapíxeles cun sensor de 1/1,56 polgadas e apertura f/2,1, capaz de capturar imaxes con gran detalle e reprodución cromática precisa. O modelo base inclúe tres cámaras principais de 50 Mpíxeles (gran angular, ultra gran angular e teleobxectivo periscópico), todas con sensores Sony de última xeración. Ambos teléfonos estrean o motor de procesamento de imaxe LUMO, que optimiza brillo, rango dinámico e naturalidade co uso dun 50 % menos de CPU e un 60 % menos de memoria.
A batería é outro dos piares da serie: o Oppo Find X9 alcanza os 7025 mAh, mentres que o Pro sobe ata 7500 mAh, a máis grande nun modelo insignia de Oppo. Grazas á tecnoloxía de silicio-carbono de terceira xeración, promete conservar máis do 80 % da súa capacidade tras cinco anos de uso. Ambos modelos admiten carga rápida SUPERVOOC de 80 watts e carga sen fíos AIRVOOC de 50 watts.
Están equipados cun procesador MediaTek Dimensity 9500, fabricado en proceso de 3 nanómetros, que ofrece ata un 32 % máis de rendemento e un 55 % menos de consumo fronte á xeración anterior. O novo procesador Trinity Engine de Oppo mellora a eficiencia enerxética e a fluidez, especialmente en gravacións de vídeo 4K HDR a 60 fotogramas por segundo.
As pantallas planas de 120 Hz alcanzan un brillo máximo de 3600 nits e un mínimo de 1 nit, cun deseño de marcos ultrafinos e protección IP69 contra auga e po.
O sistema ColorOS 16 incorpora funcións baseadas en intelixencia artificial, como AI Mind Space para capturas instantáneas, AI Recorder con resumos automáticos e AI Portrait Glow para retratos en pouca luz. Tamén facilita a integración entre dispositivos grazas a O+ Connect, agora compatible con Mac e Windows.
O Find X9 Pro (16 GB + 512 GB) xa está dispoñible por 1299 euros, e o Find X9 (12 GB + 512 GB) por 999 euros. Como promoción de lanzamento, OPPO ofrece un reloxo Watch X2 (valorado en 349 euros) coa compra do modelo Pro, e unha tablet Pad SE (199 euros) coa do modelo estándar. As reservas estarán abertas ata o 6 de novembro.

O teleobxectivo é un dos puntos fortes dos novos smartphones de Oppo