Os novos Poco queren reinar na gama media
luns, 6 de febreiro do 2023
Xiaomi presentou
hoxe dous novos smartphones da familia Poco, que sen ter grandes novidades,
seguen a ser unha boa opción para usuarios que buscan dispositivos de grande
potencia e prezo axustado, que chegarán ás tendas o vindeiro 13 de febreiro, e
que os máis adiantados poderán conseguir con 50 euros de desconto.
O dispositivo de referencia sería o Poco X5 Pro 5G, un
smartphone con procesador Qualcomm Snapdragon 778G, con 6/8 GB de RAM LPDDR4X,
128/256 GB de almacenamento UFS 2.2, pantalla AMOLED Full HD+ de 6,67 polgadas
cunha velocidade de refresco de 120 Hz, lector de impresións dixitais no
lateral, NFC, Wi-Fi 6, Bluetooth 5.2, altofalantes estéreo, conector para
auriculares e batería cunha capacidade de 5.000 mAh con carga rápida de 67
watts. A súa cámara traseira tripla ten un sensor principal de 108 Mpíxeles con
apertura f/1.9 e capacidade de gravación de vídeo 4K; mentres que a súa cámara
frontal é de 16 Mpíxeles con gravación Full HD até a 60 imaxes por segundo. Coa
promoción de lanzamento este teléfono sae a 299,99 euros con 6 GB de RAM e 128
GB de almacenamento; mentres que o modelo con 8 GB de RAM e 256 GB de
almacenamento poderá adquirirse por 349,99 euros.
Para usuarios menos esixentes estaría o Poco X5 5G, un smartphone
moi semellante, que fai pequenas concesións para resultar máis económico, como
conformarse cun procesador Qualcomm Snapdragon 695, cámara principal de 48
Mpíxeles e carga rápida de 33 watts; cambios que permiten que o modelo con 6 GB
de RAM e 128 GB de almacenamento custe de lanzamento 249,99 euros, e 299,99
euros con 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento.
Resulta curioso que haxa un solapamento de prezos entre ambos modelos, de xeito
que os usuarios poden escoller se priorizar potencia e cámara ou memoria e
almacenamento, en función dos usos que vaia facer do smartphone.