Os novos Redmi Note 11 presumen de cámaras de 108 Mpíxeles
mércores, 26 de xaneiro do 2022
Habitualmente os móbiles estrela de Xiaomi a nivel de vendas
son os da familia Redmi Note pola súa combinación de prestacións e tamaño a un
prezo axustado, e os novos integrante da familia, os Redmi Note 11, 11S, 11 Pro
e 11 Pro 5, veñen de presentarse cunhas prestacións de auténtico escándalo.
O máis modesto da familia sería o Redmi Note 11, con pantalla Full HD+ de 6,43
polgadas cunha velocidade de refresco de 90 Hz, procesador Qualcomm Snapdragon
680, 4/6 GB de RAM, 64/128 GB de almacenamento ampliable mediante tarxetas de
até 1 TB, batería de 5.000 mAh con carga rápida de 33 watts, lector de
impresións dixitais no botón de acendido, cámara frontal de 13 Mpíxeles e unha
cámara traseira cuádrupla cun sensor principal de 50 Mpíxeles.
O Redmi Note 11S pola súa banda apostaría por un procesador MediaTek Helio G96,
e outra grande diferenza sería o sensor principal da súa cámara traseira, que
chegaría até os 108 Mpíxeles, como o resto dos móbiles presentados.
O Redmi Note 11 Pro e o 11 Pro 5G destacarían por unha pantalla Full HD+ AMOLED
de 6,67 polgadas cunha velocidade de refresco de 120 Hz, que na versión Pro
conta cun procesador MediaTek Helio G96 e no Pro 5G ten un Qualcomm Snapdragon
695. Ambos móbiles veñen con 6/8 GB de RAM, 64/128 GB de almacenamento e
batería de 5.000 mAh con carga rápida de 67 watts.
Un detalle a salientar destes móbiles é que continúan a incluír conector para
auriculares e emisor de infravermellos, e tamén conta con altofalantes estéreo.
Nas vindeiras semanas espérase que cheguen ao noso mercado.
- O Redmi Note 11 chegará ao mercado en varias versións