Os novos TPV de Casio funcionan con Android 2.2

venres, 21 de outubro do 2011 Marcus Fernández

Aínda que esteamos afeitos a ver o sistema operativo Android en móbiles e tablets, tamén é posible a súa aplicación para usos máis concretos, como demostra Casio co lanzamento do terminal VX-100 EPOS, que chegará ao mercado en decembro, e que busca servir para axudar en tarefas de atención ao cliente, xestión de reservas e aplicacións de dirección de vendas, que resulta ideal para as PEME e que pode funcionar tanto de xeito independente como conectado a unha rede corporativa.
Este terminal compacto baséase nunha pantalla táctil de 10,4 polgadas cunha resolución de 800 x 600 píxeles, un procesador ARM Cortex A9 de dobre núcleo a 533 MHz, 512 Mbytes de RAM, 2 GB de ROM, unha pantalla LCD secundaria que pode amosar 20 letras en 2 liñas, unha impresora térmica, Fast Ethernet, USB e lector de tarxetas SD, que podería empregarse como TPV (será posible mercalo cun caixón para os cartos), resultando tamén axeitado para a recepción dun hotel ou un servizo de atención ao cliente, e contando incluso coa posibilidade de controlarse a distancia a través de correo electrónico (para efectuar tarefas automatizadas como comprobar as vendas dunha localización en concreto).

PUBLICIDADE