Os novos aranceis de EE.UU. poderían ter un impacto importante no sector dos videoxogos

mércores, 5 de marzo do 2025 Marcus Fernández

Nos EE.UU. o presidente Trump vén de aprobar novos aranceis para Canadá, México e China, o que está a crear unha grande preocupación en sectores como o dos videoxogos e a electrónica de consumo.
Os novos aranceis para as importacións de Canadá e México sitúanse no 20%, mentres que os da China pasan do 10% ao 20%, o que leva aos analistas do sector tecnolóxico a prever que os prezos dos ordenadores, smartphones, tabletas, consolas de videoxogos e outros produtos de electrónica de consumo poidan subir un 11%.
A propia patronal do videoxogo leva varios días presionando para evitar estes aranceis, que considera que «impactan negativamente en centos de millóns de estadounidenses e poden danar de xeito significativo as contribucións desta industria á economía dos EE.UU.», á vez que lembran o grande volume de traballadores que ten a industria dos videoxogos nos EE.UU., que superaría os 350 mil empregos (entre directos e indirectos) e xeraría un impacto económico superior aos 101.000 millóns de dólares.
Dende o sector lembran que os aranceis do 20% ás importacións dende China afectan directamente ao prezos das consolas, os smartphones, os equipos informáticos, as tarxetas gráficas... pero o 25% de aranceis a México tamén afectaría o sector dos videoxogos, xa que é nese país onde se fabrican maioritariamente os soportes físicos, polo que podería provocarse unha suba de prezos ou incluso acelerarse a transición ao formato dixital, impactando negativamente nos negocios tradicionais que aínda se dedican a esta industria.
Dando que estamos a piques de ver o lanzamento da Nintendo Switch 2, este escenario pode afectar negativamente ao establecemento do seu prezo, non só nos EE.UU., pois as subas de prezo tenden a provocar unha caída no número de usuarios, polo que a industria ten que realizar axustes para manter a súa viabilidade, de xeito que Europa podería non quedar libre de compensar a inestabilidade do negocio ao outro lado do Atlántico.