Os novos auriculares sen fíos de Xiaomi permiten escoitar audio sen perdas

luns, 3 de marzo do 2025 Marcus Fernández

Os novos auriculares Xiaomi Buds 5 Pro están a facer historia ao contar cunha versión capaz de conectarse ao smartphone a través de Wi-Fi grazas ao uso dun procesador S7 Pro de Qualcomm, que en combinación cun teléfono compatible (polo momento o Xiaomi 15 Ultra) pode establecer comunicacións estables a até 4,2 Mbps. Esta tecnoloxía de largo de banda ultraamplo permite incluso reproducir audio sen perdas de 96 kHz e 24 bits, superando as limitacións habituais das transmisións sen fíos.
O dispositivos que non sexan compatibles con esta tecnoloxía poden empregar tamén conexións Bluetooth 5.4, soportando tamén conexións de baixa latencia, de xeito que estamos ante uns dos auriculares intraauditivos máis completos do mercado, que nesta versión innovadora teñen un prezo de 219,99 euros, mentres que por 199,99 euros está dispoñible a versión sen Wi-Fi, que sen ser revolucionarios seguen a ser dos mellores dispositivos deste tipo que podemos atopar no mercado.
Os Xiaomi Buds 5 Pro contan con son de calidade grazas aos seus diafragmas coaxiais triplos de dobre amplificador, a súa cancelación activa de ruído pode atenuar até 55 dB, permiten ecualizar o son con axustes Harman AudioEFX que prometen un son de grande calidade e incluso soportan son sen perdas Qualcomm aptX capaz de recibir audio a 48 KHz a 24 bits con velocidades de transmisión de até 2,1 Mbps con dispositivos compatibles (como o Xiaomi 15, o Xiaomi 15 Ultra ou o Xiaomi MIX Flip).
Para as chamadas tamén inclúen 3 micrófonos apoiados por IA para unha redución do ruído de fondo. Aínda que unha das opcións máis sorprendentes destes auriculares é a posibilidade de pode empregalos, tanto postos como no estoxo, como unha gravadora de audio de até 4 horas, para o que chega con premer tres veces o botón do estoxo (almacenándose as gravacións nos auriculares, para a súa posterior exportación como arquivo de audio na aplicación dos auriculares).
Estes auriculares teñen resistencia IP54 ao po e á auga, a súa autonomía é de até 8 horas ampliables até 40 co seu estoxo de carga, e tamén conta con modo Bluetooth de baixa latencia (só 50 milisegundos de retardo) para permitir o seu uso con xogos.