Os novos iPhone 16 apostan por unha intelixencia artificial que tardará en chegar
luns, 9 de setembro do 2024
Por fin chegou o día da presentación dos novos teléfonos de Apple (acompañados por novos reloxos e auriculares), que chegan con pequenas novidades a nivel de hardware, e cunha aposta decidida pola intelixencia artificial de Apple, co detalle de que Apple Intelligence aínda comezará a despregarse o mes que vén nos EE.UU. e en inglés, para chegar a Australia, Canadá, Nova Zelandia, Sudáfrica e Reino Unido en decembro, mentres que o soporte de chinés, francés, xaponés e español non chegaría até 2025 (e podería haber retrasos na súa chegada á Unión Europea).
Pero o feito de que Apple Intelligence vaia ser inicialmente irrelevante en España non impide que os novos smartphones poidan resultar atractivos, destacando o feito de que o iPhone 16 e o iPhone 16 Plus tiveron que realizar un salto de procesador até o A18 pois as esixencias da intelixencia artificial provocou que o A17 non chegase a existir.
Os teléfonos tamén incorporan un elemento externo moi visible: novos botóns físicos. Falamos dun botón programable chamado botón de Acción (xa presente nos iPhone 15 Pro) e un novo Control de Cámara (que funciona como disparador e tamén pode deslizarse lateralmente para moverse entre as opcións, mudar de obxectivo ou empregar o zoom).
As cámaras tamén mudaron, cunha disposición en vertical que facilita a gravación de vídeo e fotografías en formato espacial (para a súa visualización estereoscópica en Vision Pro). A cámara Fusión de 48 Mpíxeles promete funcionar como teleobxectivo de 2 aumentos, mentres que o ultra grande angular de 12 Mpíxeles tamén permite disparar fotografías en modo macro, de xeito que temos o equivalente a 4 obxectivos en 2. O grande angular promete ser 2,6 veces máis luminoso que o modelo anterior, polo que debería captar fotografías moito mellores, especialmente de noite (que é a principal queixa das fotografías por parte dos usuarios de iPhone).
Como vén sendo habitual, a diferenza entre o iPhone 16 e o iPhone 16 Plus é o seu tamaño de pantalla (6,1 e 6,7 polgadas), contando agora cunha carcasa máis resistente, a última xeración de Ceramic Shield para protexer a pantalla e un novo deseño que facilita a disipación de calor.
Como novidade, tamén temos que a función de envío de mensaxes de emerxencia por satélite está agora dispoñible en España (e moitos outros países), sendo unha prestación que polo momento é de balde e pode resultar de grande utilidade ante accidentes en zonas nas que non haxa cobertura móbil.
O iPhone 16 parte dun prezo de 959 euros (con 128 GB de almacenamento), mentres que o iPhone 16 Plus ten un prezo de saída de 1.109 euros, chegando ambos ás tendas o vindeiro día 20.
Vídeo de presentación do iPhone 16
Pola súa banda, os modelos iPhone 16 Pro e iPhone 16 Pro Mac, con pantallas de 6,3 e 6,9 polgadas respectivamente e carcasas en titanio, equipados cun procesador A18 Pro, destacan principalmente polo seu sistema de cámaras. A súa nova cámara Fusión de 48 Mpíxeles con sensor Quad Pixel de segunda xeración pode gravar en 4K a 128 imaxes por segundo con Dolby Vision en modo normal ou a cámara lenta; o seu grande angular tamén é agora de 48 Mpíxeles (o que é unha importante mellora fronte aos modelos non Pro); e o terceiro obxectivo tería 12 Mpíxeles e zoom óptico de 5x.
A nivel sonoro tamén presumen de contar con 4 micrófonos con calidade de estudio, que permiten numerosas capacidades de captación sonora, como a posibilidade de enfocarse nas persoas que están en cámara para colocar a súa voz centrada mentres que o ruído ambiental se sitúa de xeito envolvente. Tamén fai uso da tecnoloxía de machine learning para reducir o ruído do vente e outros ruídos que poidan estragar a calidade do audio.
Aseguran que os novos iPhone 16 Pro mellorarían a súa eficiencia para mellorar a súa autonomía até en 4 horas, de xeito que o modelo normal podería reproducir vídeo até 27 horas seguidas, mentres que o modelo Max chegaría até as 33 horas de reprodución.
O iPhone 16 Pro ten un prezo de partida de 1.219 euros con 128 GB de almacenamento, mentres que o iPhone 16 Pro Max partiría dos 1.469 euros con 256 GB de almacenamento, podendo chega a custar 1.969 euros se optamos pola versión con 1 TB de capacidade. Chegarían ás tendas o vindeiro día 20.
Vídeo de presentación do iPhone 16 Pro