Os novos iPhone chegarán a España o 9 de outubro
luns, 28 de setembro do 2015
- Celebración da venda dos primeiros iPhone 6s e 6s Plus na tenda de Apple da Quinta Avenida (New York)
A pasada fin de semana iniciouse a comercialización dos
novos iPhone 6s e 6s Plus na primeira serie de países, conseguindo rachar unha
nova marca de vendas durante os primeiros tres días á venda dos novos teléfonos,
que superaron
os 13 millóns de unidades vendidas, mentres que no lanzamento do iPhone
6 as vendas foran de 10 millóns de unidades, demostrando que Apple
conseguiu mellorar considerablemente a provisión de terminais, o que confírmase
polo feito de que anuncien que os novos teléfonos van saír á venda en 40 países
máis (entre os que figuran Italia, México, Rusia, Taiwán, Portugal e España) o
vindeiro 9 de outubro, procurando rematar o ano cos smartphones á venda en máis
de 130 países.
O director xeral da compañía, Tim Cook, asegura que “a resposta dos clientes
está a ser incrible, adoran o 3D Touch e as LIve Photos, e non podemos agardar
a levar o iPhone 6s e iPhone 6s Plus a clientes de máis países o 9 de outubro”.
Destaca así as grandes novidades dos novos teléfonos, que supoñen, por unha
banda, a meirande renovación na interface de control do iPhone dende o seu
lanzamento (ao facer que reaccione distinto segundo a forza que se realice
sobre a súa pantalla), e pola outra, enriquecendo as fotografías cunha pequena
animación que permite darlles vida,
tirando así un maior proveito da xa moi ben considerada cámara dos iPhone. Non
parecen dar así importancia ao feito de que os novos iPhone poidan gravar vídeo
en 4K, posiblemente porque os terminais da competencia hai bastante tempo que
poden facer tal, e o resto do ecosistema de Apple aínda non parece adaptado
para tal funcionalidade (o novo Apple TV non soporta vídeo en 4K, o que resulta
moi rechamante).
Aparte dos moitos países aos que chegarán os novos iPhone o 9 de outubro, dende
Apple adiantan que o día 10 chegarán a Bahrein, Xordania, Kuwait, Qatar, Arabia
Saudí e Emiratos Árabes Unidos; mentres que o 16 poranse á venda en mercados
tan grandes como son a India, Malaisia e Turquía.
Aínda que continúan a haber usuarios que se resisten a abandonar a tradición de
facer cola diante das tendas no momento do lanzamento do novo smartphone, os
teléfonos poderanse reservar a través da páxina web de Apple, sendo os seus
prezos de saída para os modelos de 16 GB de 749 e 859 euros para o iPhone 6s e
6s Plus respectivamente, incrementándose o prezo en 110 euros en cada un dos
chanzos de capacidade (que chegarán a 64 e 128 GB).