Os novos iPhone manteñen a escalada de prezos de Apple

mércores, 7 de setembro do 2022 Marcus Fernández

Os novos teléfonos de Apple chegan nunha conxuntura económica complicada que leva a que a compañía de Cupertino adopte unha política de prezos e actualizacións que pode non contentar a moitos, xa que crea unha grande fenda entre a liña principal dos iPhone e a súa liña Pro, de xeito que os usuarios que queiran gozar das principais melloras terán que facer un desembolso inicial sen precedentes, mentres que as melloras nos modelos básicos resultan imperceptibles.
O novo esquema de modelos de iPhone 14 ten un detalle moi importante, que consiste en que tanto os modelos básicos como os Pro están dispoñibles en tamaños de pantalla de 6,1 e 6,7 polgadas, de xeito que os que agora queiran un teléfono con pantalla grande non terán por que ir necesariamente a un teléfono Pro, dicindo así adeus a modelos como o iPhone 13 mini, que tivo unhas vendas demasiado discretas (quedando incluso por debaixo do iPhone SE).
Os novos iPhone 14 e iPhone 14 Plus chegan con cámara traseira dual, detección de accidentes de tráfico, un sistema de avisos de emerxencia por satélite e a promesa dunha boa autonomía no que pode considerase como a menor actualización dun iPhone na historia, xa que estes móbiles continúan a utilizar o procesador A15 Bionic do iPhone 13, aínda que cunha pequena mellora na GPU, o que posibilitaría o uso dunha nova funcionalidade fotográfica (o Photonic Engine, que mellora as fotografías con pouca luz).
A cámara principal dos novos iPhone mantén a súa resolcuión, aínda que mellora un chisco a súa apertura para ser agora f/1.5, mentres que a cámara frontal estrea por primeira ver enfoque automático (aínda que sexa unha función cun uso moi limitado neste tipo de cámara). O modo Cine da cámara tamén mellora pasado de Full HD a 4K.
Pese a estarmos cun smartphone cunhas prestacións propias dun dispositivo do ano pasado, o seu prezo continúa á alza como na meirande parte de produtos de Apple, partindo o iPhone 14 dos 1.009 euros e o iPhone 14 Plus dos 1.159 euros, chegando este último até os 1.549 euros na súa versión con 512 GB de capacidade. Os iPhone 14 chegarán ás tendas o 16 de setembro e os iPhone 14 Plus faranse agardar até o 7 de outubro.
Onde si podemos ver importantes melloras é nos iPhone 14 Pro e iPhone 14 Pro Max, con funcións como pantalla sempre activa, detección de accidentes, sistema de emerxencias vía satélite, unha cámara principal de 48 Mpíxeles e un cambio especialmente visible: a substitución da súa pestana superior por unha perforación para a cámara e os sensores frontais que chaman Dynamic Island, xa que decidiron converter este elemento nun sistema de identidade da marca a través do software. Deste xeito as cámaras e sensores frontais do teléfono ocupan un espazo menor, pero a interface gráfica busca achegarse ao tamaño que ocupaba a pestana antes a través de indicadores de actividades activas en segundo plano amosadas cun fondo negro con bordes redondeados, de xeito que podemos coñecer o estado dos mapas, a reprodución de música ou un temporizador dentro da nova illa dinámica, dando a impresión de que estamos ante un elemento físico do teléfono que cambia de tamaño.
Está funcionalidade poderase aproveitar para amosar información de múltiples tipos (como poderían ser resultados deportivos en tempo real, ou tempo de espera para a chegada dun autobús á súa parada), e incluso as notificacións aproveitarán este elemento para amosarse dun xeito máis atractivo.
As cámaras dos iPhone 14 Pro e 14 Pro Max tamén da un paso adiante ao adoptar por primeira vez unha cámara principal de 48 Mpíxeels cun sensor Quad Pixel, de xeito que podemos ter imaxes de alta resolución, aínda que o habitual será aproveitar esta tecnoloxía para tomar imaxes de 12 Mpíxeles máis luminosas, aínda que tamén pode aproveitarse para achegar a imaxe en vídeos 4K sen ter que aplicar zoom dixital. Os usuarios máis avanzados tamén poderán disparar en formato ProRAW a 48 Mpíxeles, o que permite un nivel de detalle sen precedentes nos iPhone e con grandes posibilidade creativas.
A nova cámara ultra grande angular de 12 Mpíxeles incorpora píxeles máis grandes (conseguindo así imaxes máis luminosas), o teleobxectivo mellora con zoom óptico de 3 aumentos, a cámara frontal estrea enfoque automático e agora o flash conta con True Tone adaptativo (ten un conxunto de 9 LED que mudan de patrón en función da distancia focal).
Para os máis aventureiros, agora hai un modo Acción para a gravación de vídeo máis trepidante; tamén o modo Cine soporta agora a gravación en 4K; e os usuarios máis avanzados poden utilizar ProRes e HDR con Dolby Vision en todos os seus procesos.
Boa parte destas novidades son posibles graza a que estes novos teléfonos integran o procesador A16 Bionic de 6 núcleos, que tamén conta cunha GPU de 5 núcleos e un Neural Engine de 16 núcleos, de xeito que pode tirar una maior proveito da fotografía computacional.
Os iPhone 14 Pro e 14 Pro Max chegarán ás tendas o 23 de setembro a prezos que parten dos 1.319 e 1.469 euros respectivamente, chegando a versión con 1 TB de capacidade do iPhone 14 Pro Max até os 2.119 euros, superando amplamente a barreira psicolóxica dos 2.000 euros, algo difícil de imaxinar nun terminal que poderiamos considerar ordinario, pois non inclúe característica exóticas como unha pantalla encartable, polo que podemos considerar que estamos ante a constatación de que Apple está cómoda dirixíndose a consumidores cun nivel adquisitivo superior á media e confía totalmente no seu valor de marca.

PUBLICIDADE