Os novos iPhone poderían chegar a Europa sen bandexa para tarxetas SIM

luns, 1 de setembro do 2025 Marcus Fernández

As tarxetas SIM dos móbiles resístense a deixarnos, pese a que en 2017 o Pixel 2 xa aceptaba o uso de eSIM e dende 2018 os iPhone tamén soportan tal tecnoloxía (permitindo por fin ter máis dun número de teléfono nun único smartphone de Apple). Pero a adopción das eSIM está a ser moi irregular, e mentres que nos EE.UU. a partir dos iPhone 14 os dispositivos xa non inclúen bandexa para tarxetas SIM, en Europa hai certa resistencia ao cambio, o que podería mudar este mesmo mes.
Dende MacRumors aseguran que os traballadores dos establecementos que revenden produtos de Apple na Unión Europea teñen programados cursos de formación sobre o funcionamento das eSIM, o que podería significar que os móbiles que se presenten o vindeiro día 9 carecerían de bandexa para tarxetas SIM tamén en Europa, o que suporá un claro impulso das eSIM, forzando ás compañías que non avanzaron na súa implantación a facer os deberes, xa que en caso contrario perderían aos clientes que queiran facer uso dun novo iPhone nas súas redes.
Aínda que é posible que non todos os modelos de iPhone erradiquen a bandexa para tarxetas SIM, o que si parece inevitable é que o futuro iPhone 17 Air, máis delgado que o resto, careza de bandexa globalmente, por razóns de deseño. Este lanzamento podería ser o que animase a Apple a espallar a adopción forzosa da eSIM ao resto de modelos, para evitar confusións.