Os novos métodos estatísticos aplicados ao Big Data centran un curso do CiTIUS

xoves, 3 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

Estes días estase a desenvolver no centro CiTIUS da USC un relevante curso sobre as vantaxes e utilidades do programa estatístico R, software libre moi estendido entre a comunidade investigadora internacional de calquera vertente e con grandes potencialidades para o manexo de grandes cantidades de datos (o que se coñece como Big Data). Estamos a falar do programa de formación Curso de métodos estatísticos dirixido ao estudo de tests paramétricos e non paramétricos. As sesións comezaron en novembro no salón de actos do CiTIUS e estanse a estender por este mes de xaneiro (días 8, 11, 15, 18, 22 e 25).
A encargada de impartir os contidos é Beatriz Pateiro López, doutora e profesora do Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización da Universidade de Santiago.
O obxectivo do curso é familiarizar aos participantes cos métodos máis importantes de inferencia estatística básica, poñendo o foco nos contrastes de hipóteses paramétricos e non paramétricos. O enfoque será de carácter aplicado con ilustración sobre datos de interese e manexo da ferramenta estatística R.
A metodoloxía empregada ten un enfoque práctico. Deste xeito, a partir do primeiro capítulo de análise exploratoria de datos, tirarase proveito destes como “motivadores” para a introdución dos diversos contrastes e irase mostrando a implementación dos mesmos no computador coa axuda de R.
Como lembraremos, R é un software orixinariamente deseñado para a análise estatística e a realización de gráficos e que nestes intres estase a utilizar en numerosos eidos relacionados coa estatística (xenómica, biomedicina, econometría, Big Data, bioloxía, ...). R ten unha natureza dupla de programa e de linguaxe de programación e distribúese baixo licenza GNU-GPL.

PUBLICIDADE