Os novos móbiles de Realme chegan con baterías de 7.000 mAh

martes, 27 de maio do 2025 Marcus Fernández

Realme está a ampliar a súa familia de móbiles de alta gama, e tras o seu Realme GT 7 Pro con procesador Qualcomm Snapdragon 8 Elite, trae agora móbiles coa mesma liña de deseño, pero con procesadores de MediaTek e baterías máis xenerosas.
En España podemos adquirir xa o Realme GT7, que chega cun procesador Dimensity 9400e, cámara principal IMX906 de 50 Mpíxeles con estabilización óptica (acompañada por un teleobxectivo de 50 Mpíxeles e un grande angular de 8 Mpíxeles), pantalla de 6,78 polgadas cun brillo de ata 6.000 nits e unha velocidade de refresco de 120 Hz, protección IP69 e unha impresionante batería de 7.000 mAh con carga rápida de 120 watts, que chega cun prezo de 649,99 euros para a súa versión con 12 GB de RAM LPDDR5X e 256 GB de almacenamento UFS 4.0. Estamos ante un smartphone de grande potencia, que podería resultar moi atractivo para usuarios que queiran gozar de videoxogos frenéticos sen ter que sacrificar autonomía.
Se podemos agardar ao 2 de xuño teriamos o Realme GT 7T, que funcionará cun procesador Dimensity 8400-MAX, que grazas a contar cun procesador lixeiramente menos potente consegue baixar o seu prezo a 549,99 euros para o modelo con 12 GB de RAM e 256 GB de almacenamento interno (50 euros máis se queremos a versión con 512 GB de capacidade). Unha opción moi interesante para quen non está tan preocupado polo grande desempeño nos videoxogos, pero si desexa un dispositivo con grande autonomía.

Realme ofrece agora un bo abano de móbiles de alta gama con grande potencia e baterías xenerosas