Os novos móbiles de Samsung poden probarse en primicia na Coruña

xoves, 11 de agosto do 2022 Marcus Fernández

Dende esta mañá os novos móbiles de Samsung poden probarse nunha instalación efémera en Marineda City

Samsung presentou onte a nivel internacional os seus novos móbiles encartables, a revisión dos seus reloxos conectados e uns auriculares con son de alta fidelidade, produtos que chegarán ás tendas o vindeiro día 26, pero que xa poden probarse en Marineda City na Coruña a través da iniciativa Samsung Locals, que consiste nunha instalación efémera situada nunha das entradas principais do centro comercial na que os visitantes poden coñecer as posibilidades destes dispositivos tan interesantes e innovadores para os que resulta crucial probalos en persoa.
Esta iniciativa divulgativa de Samsung en colaboración con Google estará na Coruña até o 21 de setembro, e para saber un pouco máis da mesma conversamos con Valentín Hernández, director de marketing da división de mobilidade de Samsung.

Valentín Hernández deu conta da iniciativa Samsung Locals que inicia a súa xira estatal na Coruña

– A que responde que Samsung Locals bote a andar na Coruña?
– O que estamos a tentar é entender cal é a mellor maneira de aproximarnos á xente local, ás cidades locais. Estamos empezando aquí e en Málaga. Empezamos por aquí porque é verán e queriamos localizacións totalmente diferentes, con dous públicos totalmente distintos. Para nós todo o que é Galicia, todo o que é A Coruña, é unha aposta estratéxica á hora de levar a tecnoloxía, entender as necesidades e, sobre todo, ser capaces de demostrar o que podemos facer non só coas persoas, senón tamén cos negocios. E é un dos retos que temos con este tipo de tendas.

– Que buscades con esta iniciativa emprendida en colaboración con Google?
–Despois da pandemia a xente quedou moito nas súas casas e as compañías tecnolóxicas, non só Samsung, cremos que porque lanzamos un dispositivo ao mercado a xente non entende. Nós non podemos sacar tecnoloxía, cada vez tecnoloxía máis importante, máis rápida, con máis funcionalidades. Pero o ritmo ao que imos tecnoloxicamente falando non é o mesmo tempo que teñen todas as persoas. Entón temos que ser capaces facer ver á xente o que a tecnoloxía pode facer por eles nun ambiente onde eles non o esperan. Ou sexa, que non teñan que ir a unha tenda, nós imos a eles. É un dos motivos polos que facemos isto, é saír á rúa, é atoparnos onde normalmente non adoitan, non adoitan esperarnos.
Asociámonos con Google porque somos dúas compañías que desenvolvemos tecnoloxía, uns en hardware e outros a nivel de software. O ecosistema de Google a nivel de solucións é tan amplo e tan interesante que non todo o mundo entende todo o que podes facer con Google. Se colles Google e colles teléfono, tes a combinación perfecta para que a xente saiba usar os teléfonos e poida mellorar o seu día a día. Por iso xuntámonos á hora de construír un negocio xuntos, á hora de desenvolver mercados conxuntamente.

– E cal é o enfoque local que temos aquí no caso da tecnoloxía?
– Ben, primeiro é o achegamento que facemos para que calquera persoa poida vir aquí, poida consultarnos calquera cousa, mesmo podemos ter obradoiros de formación. A Coruña é un primeiro paso para outras cousas que van vir aquí en Galicia. Activacións que imos facer. Imos contar con xente local, xente local que conte como a tecnoloxía está a axudalos no seu día a día.
Por exemplo, imos ter un pop up, que vai ser un camión que vai ir por universidades. Ios coller a xente local, a cantantes locais, xente que non é coñecida polo grande público, senón que está a empezar. Chegamos a un acordo cunha discográfica para que nos provea desta xente local que permita primeiro dar a coñecer tamén que estamos aquí, pero tamén para que eles que se dean a coñecer. Doutra banda, tamén cos negocios, e con obradoiros moi aptos que imos seguir facendo para que a xente poida vir e poida aprender. Non estamos a pensar en grandes empresas, estamos a pensar en persoas maiores. Estamos a pensar neste tipo de xente que non sabe como utilizar a tecnoloxía.

– E a que tipos de produtos estades a enforcarvos máis? Aos encartables? Aos werables?
– Fíxache que retomo un pouco o que che dicía da pandemia. O que nos fixo é que practicamente estivemos dous anos moi encerrados en nós, moi encerrados nas nosas casas. A tecnoloxía pode funcionar de moitas maneiras. Nós una das maneiras que entendemos a tecnoloxía, á parte da innovación, é a sustentabilidade. Ao final se ti colles todos os teléfonos a primeira vista pódenche parecer iguais, polo que os encartables cobran máis importancia. Primeiro porque se dobran, co cal, en calquera dos dous tamaños o que permite ter un tamaño de pantalla moi grande, pero que ocupa a metade. O segundo é que se colles o modelo máis grande que tes coma se foses unha tableta. Isto hai que mostralo e isto teno que ver a xente. Non podemos esperar que a xente vaia ás tendas a velo. Non podemos esperar a que a xente vaia a televisión e entenda o concepto. É moi importante que se tes tecnoloxía nova, se tes algo novo, saias á rúa para demostralo.

– Como enfocades este tipo de actividade divulgativa?
– Creo que a xente unha vez que o proba, a xente quéreo. Unha das cousas que estamos a traballar máis é o que denominamos territorios. Traballamos moito o territorio. Imaxina o dos viaxeiros e o territorio e tamén dos corredores. Porque os viaxeiros, se ti colles o 95% das fotos que se toman nunha viaxe, están feitas co móbil. Se nós falamos de especificacións técnicas, de millóns de visitas, a xente non entende, pero se ti fas talleres onde ensinas como a través dun móbil podes sacar unha foto a xente xa entende por que se ten que ten que investir en tecnoloxía. Iso é o que estamos a facer tamén cos corredores. Estamos a facer talleres con corredores profesionais, para axudar á xente a que saiba como ten que correr, como ten que manter o seu ritmo cardíaco co reloxo, como ten que xuntarse con Google para facer todo con Google Maps e para planificar un roteiro. E ao final, como un dispositivo pode axudar a facer o seu día a día moito mellor. Entón, todo o que sexa mostrarlle á xente, non xa só o dispositivo, senón o que pode facer co dispositivo.

– De cara á xente maior, que procurades máis, que se introduzan nos dispositivos de saúde ou que entendan a tecnoloxía?
–Diríache que o primeiro coa xente maior é axudarlles a entender o que a tecnoloxía pode facer por eles. Unha das cousas que nos está pasando con todo o tema destas tendas, como estás a ver ti aquí, é que se achega moita xente maior a preguntarnos como pode ter WhatsApp ou como pode mirar na Internet, ou se con este dispositivo ou estoutro pode falar coa súa neta que está en non sei onde. Entón estano utilizando como maneira de poñerse en contacto connosco para que lles axudemos. A xente que temos aquí está formada para axudar a que a xente entenda isto. Nas nosas tendas tamén estamos a facer formación para os maiores. Facemos moita formación, pero sobre todo para xente maior. A accesibilidade para dicirlles como teñen que usar un teléfono, os primeiros pasos.
No tema dos dispositivos temos que ir paso a paso con eles. Entón creo que o primeiro paso é axudarlles cun teléfono. Sempre digo que non é cuestión de vender por vender, senón de dar a cada persoa o que realmente vai precisar. Para eles, o teléfono converteuse na única forma de manter un contacto coa xente. Agora que hai moita, moita migración. E xa que estamos aquí en Galicia e a xente vaise a Madrid, xa non estou a falar de irse a outros países. O teléfono converteuse nunha ferramenta fundamental que xa non permite só facer chamadas, permite facer videochamadas. Xa non entendemos agora mesmo unha vida sen aplicacións de mensaxería instantánea que nos permiten manter o contacto. E esa xente maior sabe que existen, pero moitas veces non saben utilizalas. Aquí vén aínda xente con teléfonos analóxicos que nos din que se poden instalarlle aplicacións. Pero facemos ese exercicio de axudarlles, o que é súper bonito porque ademais son moi agradecidos.

PUBLICIDADE