Os novos obradoiros de Rianxo sobre uso do móbil para persoas maiores chegarán a todas as parroquias

xoves, 12 de setembro do 2024 S. P.

O Concello de Rianxo organiza neste último cuadrimestre de 2024, a través da Concellería de Política Social, unha nova xeira de obradoiros de uso de aplicacións móbiles para persoas maiores de 55 anos. A previsión é chegar a todas as parroquias (seis), e a iniciativa acompáñase dunha folla de ruta que xa foi compartida polo Concello.
Serán de balde para a veciñanza e grazas e eles as persoas aprenderán a navegar con seguridade e confianza por Internet e a empregar o seu teléfono móbil ou tableta para comunicarse por vídeo-conferencia, facer xestións co seu banco, pedir unha cita médica, mercar online ou aproveitar o seu tempo de lecer na Rede.
As actividades formativas levaranse a cabo en Rianxo (o 2 e o 3 de outubro), en Asados (os días 16 e 17 de outubro), en Araño (días 30 e 31 de outubro), en Taragoña (días 13 e 14 de novembro), en Leiro (os días 27 e 28 de novembro) e en Isorna (os días 11 e 12 de decembro).
Máis datos e inscricións no 664 185 489.
Recentemente a segunda tenente de alcalde e concelleira de Política Social, Ana Vidal, valorou moi positivamente a pasada edición destes obradoiros no que se cubriron todas as prazas ofertadas en cada unha das parroquias.