Os novos portátiles de Alienware chegan ós 640 Gb de capacidade de disco
luns, 24 de setembro do 2007
Alienware é un fabricante de ordenadores que
destaca por amosar uns deseños revolucionarios e especialmente atractivos para
os afeccionados ós videoxogos, pero cos seus novos portátiles incide nas
necesidades de almacenamento dos portátiles, que cada día teñen máis
popularidade e non queren quedar atrás en características fronte ós seus
equivalentes de escritorio.
Así, os modelos con pantalla de 17 polgadas dos portátiles Aurora m9700 e Area-51
m9750 contarán coa peculiaridade de ter espazo para dous discos duros que
se poden configurar de xeito independente ou en modo RAID, o que lles
permite chegar ata unha capacidade de 640 Gb (con 2 discos de 320 Gb) e
que, no caso de querer coidar da autonomía, podería chegar a 128 Gb xuntando
dous discos de memoria de estado sólido de 64 Gb.
O uso de discos en RAID 0 era unha función que ata o momento se deixaba para
ordenadores de sobremesa, pero o tamaño de moitos portátiles permite
achegarlles tal característica.