Os novos procesadores de Qualcomm para portátiles apostan pola IA

mércores, 24 de setembro do 2025 Redacción

Qualcomm revelou os seus novos procesadores Snapdragon X2 Elite e X2 Elite Extreme, deseñados para redefinir o rendemento nos portátiles con Windows 11 (aspirando a poder competir cos MacBooks con procesador M4). A compañía asegura que se trata dos chips máis rápidos e eficientes xamais creados para este ecosistema, cunha combinación de potencia, autonomía e capacidades de intelixencia artificial que apunta directamente ao segmento ultra-premium.
O modelo Extreme está pensado para profesionais que traballan con cargas intensivas: edición multimedia avanzada, análise de datos complexos ou investigación científica. Grazas á terceira xeración do procesador Qualcomm Oryon, ofrece ata un 75 % máis de rendemento que a competencia mantendo o mesmo consumo. A nova arquitectura gráfica Adreno multiplica por 2.3 a eficiencia por vatio respecto á xeración anterior, mentres que a unidade de procesamento neuronal Hexagon alcanza os 80 TOPS, converténdose na NPU máis rápida do mundo para portátiles.
Pero a aposta de Qualcomm non se limita ao rendemento bruto. Estes procesadores están preparados para experiencias Copilot+ e tarefas de IA simultáneas, mesmo en dispositivos finos e lixeiros sen estar conectados á corrente. O modelo Elite, aínda que menos extremo, tamén ofrece melloras significativas: ata un 31 % máis de rendemento e un aforro de enerxía do 43% respecto ao seu predecesor.
Os primeiros equipos con Snapdragon X2 Elite chegarán na primeira metade de 2026, prometendo unha nova era de computación portátil onde a IA, a eficiencia e a potencia conviven sen compromisos.

Os procesadores X2 Elite dan un grande salto en potencia (especialmente no ámbito da IA)