Os novos procesadores de Qualcomm poderían superar aos de Apple en potencia

mércores, 24 de setembro do 2025 Redacción

Qualcomm presentou hoxe o Snapdragon 8 Elite Gen 5, o que describen como o sistema en chip móbil máis rápido do mundo. Plataforma móbil que nos vindeiros meses veremos integrada nos dispositivos insignia de marcas como Xiaomi, Samsung, Sony ou OnePlus, achegando unha experiencia móbil superior grazas á súa potencia, eficiencia e capacidades de intelixencia artificial en tempo real.
Estamos ante a terceira xeración do procesador Qualcomm Oryon, que incrementa o rendemento nun 20 % respecto á versión anterior. A isto súmase unha arquitectura gráfica Adreno renovada, cunha mellora do 23 % en xogos e contidos visuais, e unha unidade de procesamento neuronal Hexagon que acelera as tarefas de IA nun 37 %. Pero máis alá das cifras, o que Qualcomm propón é unha nova forma de interactuar co móbil: asistentes intelixentes que aprenden do usuario, que ven e escoitan como el, e que poden anticiparse ás súas necesidades mantendo os datos de forma segura no dispositivo.
Outro dos avances destacados é a incorporación do codec Advanced Professional Video, que permite gravacións de calidade profesional directamente desde o móbil. Esta funcionalidade, combinada coas melloras en cámara potenciadas por IA, abre novas posibilidades para creadores de contido que buscan control total en postprodución sen depender de equipos externos.
Queda agora agardar para comprobar se as promesas de Qualcomm se cumpren e estamos ante os procesadores móbiles máis potentes do mercado (para o que debería superar en rendemento aos de Apple, aínda que as primeiras probas sintéticas apuntarían a que os novos procesadores estarían á par dos A19 Pro).

Representación das melloras da nova plataforma móbil de Qualcomm