Os novos retos e vieiros da iluminación intelixente, ao detalle en Vigo o día 26

xoves, 21 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

Vigo vaise pór o 26 de novembro no centro milimétrico das experiencias arredor dos novos (e tecnolóxicos, sustentábeis, eficientes e automatizados) métodos para guindar luz nos espazos urbanos. Estamos a falar da xornada técnica Iluminación intelixente e saudable 4.0, en palabras do Concello “o meirande evento de alumeado urbano de Galicia”. Onte foi presentado nos seus detalles polo tenente de alcalde e concelleiro de Fomento, Javier Pardo, e o delegado do Comité Español de Iluminación, Ángel González.
O concelleiro asegurou que Vigo “está no reto da mellora e modernización da iluminación do ámbito urbano” e anotou que o Concello “avanza na eficiencia enerxética a través das humanizacións que vén realizando nos últimos doce anos, con niveis de iluminación axustados ás condicións e ao seu uso ou a incorporación da tele xestión para a acendido ou apagado, entre outras optmizacións”. Amais, salientou a “gran redución da potencia instalada, do consumo enerxético, dos gases de efecto invernadoiro e da contaminación alumínica realizada nos últimos anos”.
Volvendo ao evento do 26, está organizado Comité Español de Iluminación (CEI), o Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra. O seu obxectivo é favorecer o intercambio de experiencias e formación para facer aos novos retos do alumeado urbano: facer fronte ao cambio climático e apostar pola economía circular e a sustentabilidade mediante a confluencia entre eficiencia enerxética e novas tecnoloxías da información (controis intelixentes, ferramentas exhaustivas de seguimento con capacidade ampla de adaptación e evolución, plataformas smart, etc).
O programa dará comezo o vindeiro martes ás 9:00 horas coa recepción dos asistentes e a posterior inauguración da xornada, dirixida polo delegado do CEI de Galicia, e na que participan o alcalde de Vigo, Abel Caballero, o deputado provincial de Pontevedra, Carlos López, o xefe do departamento de Servizos e Agricultura do IDAE (Instituto de Diversificación e Aforro Enerxético), Ángel Sánchez, e o presidente do CEI, Fernando Ibáñez. A xornada inclúe ao longo da mañá e da tarde un amplo e completo programa de relatorios e presentacións tecnolóxicas con roldas de preguntas.

PUBLICIDADE