Os novos smartphones encartables de Samsung xa son unha realidade

mércores, 10 de xullo do 2024 Marcus Fernández

A principios de ano Samsung introduciu nos seus móbiles insignia as posibilidades da intelixencia artificial co que deron en chamar Galaxy AI, tecnoloxía que agora escribe un novo capítulo da súa historia coa presentación da nova serie Galaxy Z para crear unha serie de experiencias móbiles únicas.
Estamos ante a serie Galaxy Z máis delgada e lixeira da historia, apostando tamén pola súa durabilidade e resistencia a impactos externos, para o que integran Armor Aluminum mellorado e Corning Gorilla Glass Victus 2.
Tanto Galaxy Z Fold6 como Galaxy Z Flip6 están equipados coa plataforma móbil Snapdragon 8 Gen 3 para Galaxy, o procesador móbil Snapdragon máis avanzado até o momento, que combina o mellor rendemento de CPU, GPU e NPU da súa clase. O procesador está optimizado para o procesamento de IA e ofrece gráficos mellorados xunto cun rendemento xeral mellorado. O sistema de refrixeración maximiza o rendemento cunha cámara de vapor máis grande en Galaxy Z Fold6 e, por primeira vez, unha cámara de vapor nun smartphone Z Flip.

Galaxy Z Fold6: Produtividade en pantalla grande mellorada pola IA

Galaxy Z Fold6 ofrece unha serie de funcións e ferramentas impulsadas por Galaxy AI que maximizan a gran pantalla e melloran significativamente a produtividade. Podemos así gozar de tradución e resumo de anotacións, tradución de documentos PDF, asistencia da IA na redacción de textos empregando o teclado de Samsung e incluso a posibilidade de crear imaxes sofisticadas partindo de bosquexos.
O novo móbil encartable Galaxy Z Fold6 permite evolucionar na forma de traballar, xogar e manterse informado grazas á longa colaboración de Samsung con Google. A última app Google Gemini está totalmente integrada na nova serie Galaxy Z, proporcionando un asistente propio potenciado por IA directamente no teléfono. Abonda con deslizar o dedo pola esquina da pantalla ou dicir, "Oye, Google" para que apareza a superposición de Gemini e obter axuda para escribir, buscar información ou planificar. Gemini está integrado con algunhas das aplicacións favoritas de Google, o que facilita a organización dun itinerario de viaxe perfecto ao obter información en tempo real sobre reservas de voos e hoteis, e explorar lugares famosos e as mellores rutas para chegar a eles mediante Google Maps. Cando se requira información detallada sobre un vídeo musical de K-pop mentres se ve YouTube na gran pantalla do Galaxy Z Fold6, pódese acceder á superposición Gemini na pantalla dividida para facer preguntas. Para saber quen é o artista que aparece no vídeo, só hai que premer prolongadamente o botón de inicio e rodear, resaltar ou tocar na pantalla, e a función intelixente Circle to Search ofrecerá resultados de busca ao instante.
Galaxy AI tamén mellorou a comunicación sen barreiras no Galaxy Z Fold6. Maximizando o seu exclusivo deseño de dobre pantalla, Intérprete ven cun novo modo de conversa que permite a ambas partes ver convenientemente as traducións nas pantallas principal e exterior para interaccións máis naturais. Tamén ofrece tradución unidireccional, para entender facilmente ao escoitar durante conferencias ou calquera outro tipo de presentación. Live Translate, que traduce as chamadas telefónicas directamente no dispositivo en tempo real, tamén se está estendendo agora máis alá da propia aplicación de chamadas nativa de Samsung a unha selección de aplicacións populares de terceiros.
O Galaxy Z Fold6 non só permite crear contido, tamén gozar del. Galaxy Z Fold6 ofrece unha experiencia de xogo mellorada, ancorada polo seu potente procesador de última xeración e unha cámara de vapor 1,6 veces máis grande para poder xogar durante máis tempo, mantendo o rendemento. Os gráficos, potentes e realistas, son compatibles con ray tracing e cobran vida nunha pantalla de 7,6 polgadas que ofrece unha visualización máis brillante de ata 2.600 nits para ofrecer xogos máis envolventes.
O Samsung Galaxy Z Fold6 pode xa reservarse (o lanzamento oficial está fixado para o vindeiro día 23), cun prezo que parte dos 2.009 euros para o modelo con 12 GB de RAM e 256 GB de almacenamento, pódese chegar até os 2.369 euros se queremos a versión con 1 TB de capacidade.

Vídeo promocional do Samsung Galaxy Fold6

Galaxy Z Flip6: Crear experiencias únicas, a medida

O Galaxy Z Flip6 non só está optimizado para a portabilidade, senón que ofrece unha serie de novas funcións de personalización e creatividade para aproveitar ao máximo cada momento.
A pantalla Super AMOLED Flex Window de 3,4 polgadas mellorouse unha vez máis, permitindo funcións asistidas por IA sen nin sequera ter que abrir o dispositivo. E para esas comunicacións sobre a marcha, existe a opción de responder ás mensaxes de texto con Respostas suxeridas, que analiza as túas últimas mensaxes para suxerirche unha resposta a medida. Con Galaxy AI, pódese sacar o máximo partido ao dispositivo de peto, e moitas destas prácticas funcións existen en Flex Window. Flex Window proporciona acceso ás actualizacións e notificacións de Samsung Health e tamén permite seleccionar a seguinte canción que se quere escoitar no widget de música. De feito, Flex Window ofrece máis widgets que nunca e permite consultar información de varios widgets simultaneamente.
A creatividade tamén vai máis aló de Flex Window. FlexCam segue ofrecendo a experiencia de cámara máis versátil e agora tamén desbloquea novas opcións creativas. Co novo Auto Zoom, FlexCam atopa automaticamente o mellor encadre para a foto detectando o suxeito e achegando ou afastando o zoom antes de realizar os axustes necesarios. Deste xeito, non hai que elixir entre que os amigos ou unha paisaxe incrible aparezan na toma, e todo iso coas mans libres.
Os novos sensores gran angular de 50 Mpíxeles e ultra gran angular de 12 Mpíxeles proporcionan unha experiencia de cámara mellorada con detalles claros e nítidos nas imaxes. O novo sensor de 50 Mpíxeles admite zoom óptico de 2x para fotos sen ruído, ao tempo que ofrece zoom IA para unha experiencia de disparo avanzada con zoom de até 10x. Nightography mellorado con HDR de vídeo, permite capturar vídeos máis brillantes, mesmo con pouca luz, e vai máis aló ao asociarse tamén con populares aplicacións de redes sociais. O modo nocturno xa está dispoñible in-app en Instagram, para poder capturar fotos incribles pola noite e publicalas en historias, todo directamente desde a app.
Pódense seguir utilizando todas as funcións creativas e personalizables de Galaxy Z Flip6 sen preocuparse pola duración da batería, cun maior tempo de uso posible grazas á optimización do hardware e o software.
O Samsung Galaxy Z Flip6 ten fixado o seu lanzamento oficial para o vindeiro día 23, aceptándose xa pedidos cun prezo de 1.209 euros para o modelo con 12 GB de RAM e 256 GB de almacenamento ou de 1.329 euros para a versión con 512 GB de capacidade.

Vídeo promocional do Samsung Galaxy Flip6